Hohenzollern

Hohenzollern

Liñaxe do Sacro Imperio Romano-Xermánico que deu dinastías ao electorado de Brandenburgo, aos reinos de Prusia e Romanía e ao Imperio Alemán. Orixinaria de Suabia, tomaron o seu nome do castelo familiar de Zollern e desde 1448 pasaron a denominarse Hohenzollern. En 1576 dividiuse en dúas grandes ramas, a dos príncipes de Hohenzollern-Hechigen, extinguida en 1869, e a dos príncipes de Hohenzollern-Sigmaringen, á que pertenceu Carlos I de Romanía (1839-1914). A liña francona da familia, titular do landgraviato de Nuremberg, converteuse en 1417 en príncipes electores de Brandenburgo e desde 1618 en duques de Prusia. Nesta rama destacaron Federico II de Prusia (1712-1786), Federico Guillerme II de Prusia (1744-1797) e Federico Guillerme III de Prusia (1770-1840). En 1871, un fillo deste converteuse en emperador alemán co nome de Guillerme I (1797-1888). A dinastía abandonou a coroa imperial en 1918, cando se proclamou a república, e o trono romanés en 1947 trala abdicación do Rei Miguel de Romanía (1921).