Hoja del Lunes

Hoja del Lunes
[PUBLIC]

Periódico que aparecía os luns para suplir o descanso dominical dos diarios. Creouno Primo de Rivera para toda España durante o seu directorio. En Galicia, encargáronse da súa edición as respectivas asociacións provinciais da prensa e imprimíanse nos mesmos obradoiros tipográficos dos xornais máis destacados. Incluían fundamentalmente artigos deportivos e culturais. En Vigo apareceu en 1920 e tivo como directores a Gonzalo Rey, Rodrigo Varela e Gustavo Luca de Tena. Cesou a súa edición o 14 de decembro de 1981. En Ourense apareceu o 9 de outubro de 1950 e cesou en decembro de 1985, aínda que tivo un precedente entre 1937 e 1939, dirixida por J. Cantalapiedra. Desde 1950 foi dirixida por Isidoro Guede, Alejandro López e Alejandro Outeiriño en diferentes etapas. En Lugo apareceu o 8 de xaneiro de 1962 e cesou o 29 de decembro de 1986. Estivo dirixida por Alexandre Armesto e Ángel M. Fernández de la Vega. En Santiago de Compostela editouse a partir de decembro de 1951. Na Coruña apareceu o 22 de febreiro de 1931 e tivo como directores a Xosé Fernández, Enrique Mª Santos e Emilio Merino.