Hokkaidō
Illa de Xapón, a máis setentrional das catro grandes illas do arquipélago, que constitúe o ken homónimo (78.523 km2; 5.683.062 h [2000]). A súa capital é Sapporo. O estreito de La Pérouse sepáraa da Sahalin rusa, ao N. É unha illa montañosa de orixe volcánica que na súa maior parte está ocupada pola cordilleira de Hokkaidō, que a atravesa de S a N desde o cabo Erimo ao cabo Sōya. Os seus cursos fluviais son de réxime torrencial. Polo que respecta ao clima, o factor máis condicionante é a presenza constante ao longo de todo o ano de ventos fríos procedentes de Siberia que chegan con potencia á súa latitude (por baixo dos 46° N) e provoca invernos rigorosos e veráns frescos. Este medio físico relativamente hostil fai que o seu poboamento sexa feble en comparación coa media do país (72 h/km2 fronte aos 340 h/km2 da media nacional). A poboación concéntrase nas chairas litorais e a rede urbana aparece xerarquizada pola capital, Sapporo, que acolle 1.790.886 h (2000). Asahikawa é a segunda cidade da illa, con 364.813 h (2000). Hokkaidō é a área menos desenvolvida socioeconomicamente de Xapón. A agricultura produce rendementos moi baixos: cultívase arroz, patacas, cítricos, té e moreiras, que serven de alimento aos vermes da seda. A pesca é un recurso moi importante. Posúe xacementos de carbón e petróleo. A industria ocupa unha porcentaxe pequena da poboación activa, e dedícase á transformación dos produtos agropecuarios e forestais, con fábricas alimentarias e papeleiras. O feble nivel de desenvolvemento favoreceu a súa conversión nun destino turístico bastante frecuentado, cunha oferta centrada no mantemento de determinados trazos da cultura e da paisaxe tradicionais.