Homero

Homero

Escritor grego. Suposto autor da Ilíada e Odisea, as dúas grandes epopeas da antigüidade grega, amais dunha serie de obras coñecidas como o Homero menor. A súa obra transmitiuse oralmente durante varios séculos, ata que se fixou por escrito, en hexámetros dactílicos, en tempos de Pisístrato. A escasa fiabilidade dos datos proporcionados por escritos e lendas acerca deste autor fixo que desde o       s XVIII os críticos formulasen dúbidas sobre a súa existencia e sobre a autoría das obras; é o que se coñece como “cuestión homérica”, iniciada por François Hédelin, quen sostiña que estes poemas eran froito da ensamblaxe de obras de distinta procedencia, o que explicaría as numerosas incongruencias que conteñen e as diferencias de ton e estilo. Máis recentemente, o estudo da épica coa poesía oral e a evidencia dun influxo oriental sobre os dous libros, así como o desciframento do micénico e as hipóteses plausibles sobre os seus expoñentes literarios, constituíron a base dunha renovación da formulación tradicional. Posiblemente, foi a cerna dunha escola poética (coñécese a existencia duns homéridas en Khíos, un dos lugares que as fontes nomean como o lugar do seu nacemento) e o mesmo autor puido ser quen tomara material literario oral de diversa procedencia para a composición dos seus poemas, que tal e como chegaron, talvez non reflictan a primeira composición, que se sitúa no s VIII a C, uns tres séculos despois dos feitos narrados. A Ilíada é anterior á Odisea, que é posiblemente do século seguinte e que reflicte unha mentalidade máis moderna. A Ilíada sitúase no último ano da Guerra de Troia, que constitúe o   fondo da trama. O seu tema é a loita dos gregos contra a cidade de Troia, un episodio desenvolvido a partir dunha formulación persoal da figura do heroe Aquiles. Héitor, o grande heroe dos troianos, aparece no poema máis humanizado (esposo e pai) e ofrece uns motivos para combater que configuran os que aducirían elexíacos posteriores, como Calino ou Tirteo. É máis moderno que Aquiles, e unha vez morto, parece converterse no heroe do poema, inda que desde a perspectiva diacrónica é Aquiles, inflexible e favorecido polos deuses, pero mortal, o heroe indiscutible e o que dá a medida da grandeza épica dos gregos; só a poesía, a memoria poética, salva os grandes heroes da morte. Ademais desta atmosfera heroica, destaca a descrición de cousas inanimadas como o mar, que se converte en protagonista e é nomeado constantemente en toda a súa beleza e animado en cada un dos seus estados, tanto bravo, como calmado. O poeta da Odisea, sexa o mesmo da Ilíada ou outro, narra tamén as xestas de heroes doutros tempos; concretamente de Odiseo (Ulises), rei de Ítaca. O relato abarca os seus dez anos de viaxes, desde que sae da terra natal ata o seu regreso, nos que se enfronta a diversos perigos (o cíclope Polifemo, as ameazas da deusa Calipso, etc); nesta singradura o mar convértese en gran protagonista da epopea e adopta as etapas principais da viaxe a unha tradición literaria, en parte seguramente mediterránea, folclórica e non épica. A segunda metade do poema comeza coa chegada de Odiseo a Ítaca e a sanguenta vinganza que emprende contra os pretendentes de Penélope; no remate reúnese co seu fillo, a esposa e o pai. A Ilíada, pechada e intensa, transcorre nunha cidade nun breve período de tempo; a Odisea, aberta e diversa, desenvólvese nun tempo longo e nun espazo difícil de precisar xeograficamente, a medio camiño entre a realidade e o mito. A pesar das diferencias existentes entrambas obras, comparten unha visión antropomórfica dos deuses, a confrontación entre ideais heroicos e debilidades humanas e, en xeral, o desexo de ofrecer unha visión integral dos ideais da nacente sociedade helénica. A Ilíada fala das paixóns e os personaxes como Aquiles, Agamemnon ou Príamo, son víctimas dun universo tráxico e cruel. Na Odisea, pola contra, o mal é derrotado, triunfa a xustiza e a familia, tristemente separada, reúnese de novo; a astucia racional, particularmente a de Odiseo, actúa como forza motriz a través de todo o relato. Co título de Homero menor adoitan agruparse algunhas obras atribuídas na Antiguidade a Homero; 33 himnos a distintos deuses, cronoloxicamente irregulares e de extensión, finalidade e valor diversos,   o Margites, do que só se conservan fragmentos, e a A batalla das ras coas ratas (Batracomiomaquia), unha relevante parodia homérica, probablemente da época clásica. A obra homérica influíu en toda a literatura posterior, especialmente da grega (A Eneida de Virxilio, O paraíso perdido de J. Milton, Don Quijote de La Mancha de Cervantes, Ulysses (1922) de J. Joyce, etc); o teatro, a historiografía, ou a filosofía, levan a pegada destes temas, cómicos e tráxicos, así como das técnicas literarias.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Khíos