hominización

hominización

(< homínido)

s f [ANTROP/FISIO]

Proceso evolutivo seguido por un conxunto de formas sucesivas de primates que van adquirindo progresivamente os trazos anatómicos que son exclusivos da nosa especie. Trata, polo tanto, dun proceso no que actualmente se atopa representada unha única especie, Homo sapiens, pero que no decurso do tempo se diversificou dando formas que se extinguiron e outras que foron cambiando polos mecanismos biolóxicos da evolución. Entre os sucesos evolutivos que conduciron á aparición do home, Darwin enumera catro feitos clave, como son a terrestralización, o bipedismo, a encefalización e a civilización ou culturización, habendo discrepancia entre os autores respecto á orde dos acontecementos. Actualmente está xeralmente aceptado que a liña evolutiva que conduce aos australopitecinos orixinouse no Oligoceno (entre 32 e 28 millóns de anos) a partires dunha especie de primate fósil (Aegyptopithecus), que é considerado o antecesor de todos os catarrinos (cercopitécidos, hilobátidos, pónxidos e homínidos), e do cal derivan uns fósiles africanos do Mioceno, entre os cales se atopa o Procónsul (aproximadamente 20 millóns de   anos) e do cal derivan os pónxidos (orangután, gorila e chimpancé) e os homínidos (Australopithecus e Homo). Os primeiros homínidos aparecen hai aproximadamente 4 millóns de anos. En 1924, Dart descubriu en Taung (República Sudafricana) restos dun cranio infantil de entre 1 ou 2 millóns de anos que bautizou como Australopithecus africanus. Sucesivamente e ata a actualidade producíronse descubrimentos de máis fósiles deste xénero, máis antigos ca os anteriores e máis modernos, e só en África, existindo varias discrepancias en canto ás especies que conforman este xénero e a súa filoxenia. Alguns autores consideran ao A. africanus (1-2 millóns de anos) o predecesor do xénero Homo, e outros consideran a esta especie unha liña truncada, e que o xénero Homo derivaría do A. afarensis (3,7 - 2,6 millóns de    anos). Este xénero comprende especies desde os 4 (A. ramidus) ata os 1,5 millóns de   anos. Posteriormente, L. S. Leakey descubriu en 1961 novos restos fósiles xunto con abundantes utensilios de pedra e con caracteres máis evolucionados ca os australopitecinos coñecidos ata o momento, polo que propuxo, xunto con outros autores, que se trataba dunha nova especie (Homo habilis); debido á variabilidade morfolóxica dos fósiles englobados nesta especie, existe certa controversia sobre a súa posición taxonómica. Hai partidarios que consideran o H. habilis como unha soa especie antecesora de H. erectus, e hai outros autores que consideran a H. habilis “sensu lato”, unha especie baixo a cal se englobarían outras tres: H. habilis “sensu stricto”, H. rudolfensis, e H. ergaster; as dúas primeiras formas serían liñas truncadas e a última, a antecesora do H. erectus. Actualmente, tras os descubrimentos de Atapuerca, propúxose a teoría de que o H. ergaster sería o predecesor do H. antecessor (aparecido en África hai aproximadamente 1 millón de anos) e do cal derivarían os homínidos máis modernos, H. neanderthalensis e H.sapiens. O H. erectus (aparece fai aproximadamente 1,8 millóns de anos), tamén derivaría do H. habilis pero sería unha liña que tan só se diversificou en Asia, para finalmente desaparecer. Esta especie diversificouse entre os 1,7 millóns de anos a e os 300.000 anos, e tamén existen bastantes diferencias de opinion sobre a súa filoxenia e orixe, dado que hai autores que pensan que se orixinou en Asia, e considerarian as formas africanas como a especie H. ergaster, e a H. erectus, como unha especie derivada desta. En Europa, África, Asia e Oceanía aparecen uns fósiles de entre 600.000 e 130.000 anos de antigüidade que recentemente se agruparon como “formas arcaicas de Homo sapiens”, aínda que algúns autores non están de acordo con esta denominación. Estes restos presentan unha grande heteroxeneidade debido á dispersión xeográfica e á distancia temporal entre os primeiros e últimos representantes destas formas en cada zona. É por iso que existe certa discrepancia de opinión sobre a orixe do H. sapiens. Unha das teorías, a monoxenista ou da substitución (1987), considera que a diversificación das formas sapiens foi a partir do H. erectus que xurdiu en África, e as demais formas que existiron nos outros continentes serían liñas truncadas; esta teoría foi coñecida vulgarmente como a da “Eva africana”. A teoría multirrexional considera que a partir do H. erectus diversificáronse varias formas en cada continente, e cada unha destas formas orixinaría os grupos actuais. Pero tras o descubrimento do H. antecessor en Atapuerca, proponse que esta especie supón un punto de bifurcación na evolución do xénero Homo: por un lado orixinaría en Europa o H. heilderbergensis, que á súa vez daría lugar ao H. neanderthalensis, que sería unha liña truncada, e por outro lado, en África orixinaría ao H. rhodesiensis, e este ao H. sapiens, o cal se diversificaría finalmente por todos os continentes. A primeira forma de H. sapiens é o H. s. fossilis, que aparece no espazo de tempo comprendido entre Würm II e Würm III, e viviron durante o período comprendido entre os 40.000 e 10.000 anos, e posteriormente aparecería o H. s. sapiens, especie á cal pertence o home actual.

Palabras veciñas

homilía | homiliario | homínido -da | hominización | hominoideo -a | Homo | homo-