Hong Kong

Hong Kong

Territorio especial de China, situado na beira do mar da China Meridional (1.098 km2; 6.708.389 h [2001]). Inclúe a illa de Hong Kong e a península de Kowloon, así como outros 263 illotes, a maior parte deshabitados. Antigo refuxio de piratas, pasou a ser colonia británica co nome de Victoria polo Tratado de Nanquin (1842). En 1863, os británicos recibiron tamén a península de Kowloon. Ocupada polos xaponeses durante a Segunda Guerra Mundial, en 1984 británicos e chineses asinaron un tratado polo que China recuperou a soberanía sobre Hong Kong o 1 de xullo de 1997. O goberno chinés acordou que na antiga colonia se mantivese o sistema capitalista e o estatuto de porto franco durante 50 anos. Posúe a súa propia moeda, o dólar de Hong Kong, distinta da do resto da República Popular China. Baixo o dominio británico, e debido ao seu carácter de porto franco, Hong Kong converteuse nun centro financeiro, comercial e industrial moi destacado a nivel internacional: o seu porto ocupa o primeiro posto no tránsito mundial de contedores e a súa bolsa de valores é unha das máis importantes do mundo. Máis das tres cuartas partes da poboación activa está empregada no sector servicios, extraordinariamente desenvolvido. O PNB per capita (24.570 $ USA [1999]) é parello ao dos países máis desenvolvidos de Europa Occidental. A produción industrial céntrase nos aparatos fotográficos e audiovisuais, así como na reloxería.