Temas

Frisia Oriental, principado de

Territorio do Sacro Imperio Romano Xermánico no círculo da Baixa Renania-Westfalia. Erixido en condado imperial por Federico III (1464) a favor do barón Ulrich Cirksena von Gretsyl, durante o goberno do seu fillo e sucesor Edzard I o Grande (?-1528) acadou a súa maior extensión territorial. Trala morte do príncipe Carlos Edzard I (1744), derradeiro membro da dinastía Cirksena, incorporouse como provincia ao Reino de Prusia. No 1806 converteuse nun departamento do Reino de Holanda e no 1810 pasou a Francia. Prusia recuperouno (1813) pero polo Congreso de Viena (1815) pasou ao Reino de Hannover ata que foi incorporada definitivamente ao Reino de Prusia (1866).

Más >
Ross Dependency

Territorio da Antártida que constitúe unha dependencia de Nova Zelanda desde 1923. Esténdese entre os meridianos 160° L e o 150° O, ao S do paralelo 60° S nunha superficie de 414.400 km2 e 330.000 km2 de xeo permanente. Comprende o mar de Ross, parte de Terra Vitoria e o sector próximo ao polo.

Más >
Bisancos

Territorio acoutado polos ríos Eume e Xubia, situado entre as rías de Betanzos-Ares e Ferrol. Na documentación contida nos tombos de Sobrado dos Monxes e Caaveiro atéstase coas variantes Bisancos, Bisaquis, Besoucos ou Besaucos (actualmente Bezoucos). Nestes dominios, os documentos medievais amosan a existencia de dous antigos mosteiros baixo a advocación de san Vicenzo, situados un no lugar de San Vicenzo de Caamouco e outro en San Vicenzo de Meá. Probablemente, estes textos aludan maioritariamente ao primeiro deles, por ser o de Caamouco o que máis importancia histórica tivo durante os ss X-XII.

Más >
Boulogne, Condado de

Territorio feudal francés. Parece que o primeiro conde deste territorio foi Adolfo (morto no 933), fillo do conde Balduíno II de Flandres. O Condado pasou sucesivamente aos condes de Dammartin (1180?), aos Clermont (1262), aos condes de Auvernia, aos de Artois (1361) e, máis tarde, aos La Tour; despois foi dos Borgoñóns (1435-1477) ata que tomou o poder Luís XI. Ocupado por Enrique VIII de Inglaterra (1544), en 1550 incorporouse a Francia.

Más >
Penthièvre, condado de

Territorio feudal situado ao norte de Bretaña, creado en 1034 por Eudes, fillo do duque de Bretaña. Unido a Bretaña en 1272, incorporouno definitivamente o duque Xoán VI en 1420. Coa integración de Bretaña en Francia erixiuse en Ducado de Penthièvre en 1569 e doouse a Sebastián de Luxemburgo.

Más >
Caprivi, Banda de

Territorio en forma de banda do NL de Namibia, que enlaza o país co río Zambeze e que se estende entre Angola, Zambia e Botswana. O chanceler alemán Caprivi obtivo a posesión deste territorio para Inglaterra en 1893. En 1939 a Unión Sudafricana anexionou a parte oriental deste territorio.

Más >
Hessen-Kassel

Territorio do Sacro Imperio Romano-Xermánico situado no Alto Rin. En 1803 converteuse no Electorado de Hessen e en 1866 incorporouse á coroa prusiana.

Más >
Sistān

Territorio fronteirizo situado entre Irán e Afganistán e constituído por unha depresión desértica entre os lagos Daryācheh-ye Hāmūn e Gaud-e Ziräh (30.000 km2; 250.000 h [estim 1995]). A poboación dedícase ao pastoreo nómade e á agricultura. Antiga Drangiana, tomou o nome medieval (Sakastān) e moderno (Sistān) dos invasores escitas ou saka en 128 a C. Formou parte do Imperio sasánida e, desde o s VII, do islámico. Rexida por efémeras dinastías locais, foi devastada por Tamerlán (1388). Obxecto de disputa entre Persia e Afganistán, foi partida (1872) por medio dunha arbitraxe británica que favorecía o goberno qajarita.

Más >
Loading