Honolulu
Capital do estado de Hawaii, EE UU (371.657 h [2000]). Situada ao SO da illa de Oahu é o principal porto do arquipélago. O seu principal recurso económico é o turismo, a praia de Waikiki é un dos complexos turísticos máis grandes do mundo. Aínda que coñecida desde finais do s XVIII, o crecemento da cidade produciuse tralo establecemento en 1820 dun grupo de misioneiros cristiáns. Ocupada de forma sucesiva por rusos, británicos e franceses, converteuse en 1845 na capital do Reino de Hawaii. En 1941 produciuse o ataque xaponés á base de Pearl Harbour, que significou a entrada de EE UU na Segunda Guerra Mundial. Do seu patrimonio cultural destacan o parque de Kapiolani, o Arizona Memorial, a igrexa de Kawaiahao (1841) e o cráter denominado Diamond Head.