Horacio

Horacio

Poeta latino, fillo dun liberto da gens Horatia. En Atenas, Bruto nomeouno tribunus militium do seu exército pero, na batalla de Filipos (42 a C), evidenciouse a súa falta de aptitude para a arte militar e regresou a Roma. Tras ver confiscadas polo triunvirato as propiedades de seu pai, púxose a traballar como scriba quaestorius. Cara ao 38 a C entrou no círculo artístico de Mecenas, por medio do seu amigo Virxilio, e logo no do emperador Augusto. A súa poesía divídese en catro xéneros: epodos, sátiras, odas e epístolas. Os Epodos (Epodoi, 40-31 a C) son dezasete poemas de metro iámbico, inspirados especialmente na obra de Arquíloco e na poesía grega helenística; abarcan desde os poemas amorosos ás invectivas ou ás referencias políticas, sociais e literarias. As Sátiras (Saturae, 37 a C?) son dezaoito poemas, invectivas persoais e retratos irónicos do seu tempo divididos en dous libros, en hexámetros, con amplos recursos estilísticos, inspirados sobre todo en Lucilio. As Odas (Carmina, 37-13 a C), en hexámetros, recóllense en catro libros; os tres primeiros dedicados a Mecenas e o cuarto a P. Fabio Máximo. Inspíranse principalmente nos líricos monódicos arcaicos, Alceo e Safo, e na poesía helenística, así como tamén na lírica oral de Píndaro e Simónides; nelas formula reflexións filosóficas en que transmite o seu ideal de vida epicúrea, o motivo do carpe diem, temas patrióticos, escenas mitolóxicas, dedicatorias, acontecementos públicos ou privados, banquetes, vitorias, a amizade e o amor, pero non o sentido, senón que o academicista. No medio das Odas compuxo, por encargo de Augusto, o himno coral Carmen Saeculare, especie de oda nacional para ser cantada nos ludi saeculares. Nas Epístolas (Epistulae, 23-20 a C), coincidindo cunha actitude vital e literaria máis sosegada e propicia á reflexión moral ca á invectiva e á sátira mordaz, optou pola ficción epistolar. Son vinte e tres cartas poéticas en hexámetros, que reproducen unha ficción literaria que permite, na dedicatoria, disfrazar o destinatario e achegar intencións didácticas, acompañadas de temas variados e cheos de humor; entre elas, destaca Ars poetica (Ad Pisones, 17 a C), manual de estética da época que marcou as pautas da estética literaria latina. A lírica horaciana destaca pola súa perfección formal; o subxectivismo e a crítica social e política ceden ante as reflexións filosóficas tinguidas de epicureísmo. Baixo a súa moral do xusto medio e da aurea mediocritas critica todos os defectos humanos, e aproveita para dar leccións de moderación e de busca da felicidade e o pracer, sempre sometido ás regras da razón.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Venusia, Apulia

  • Deceso

    Lugar : Roma