hortaliza
(
Nome xenérico aplicado ás plantas herbáceas comestibles (crúas ou cociñadas) que se cultivan nas hortas, como as verduras ou os legumes frescos. A parte empregada como alimento pode ser o froito, as sementes ou ambos os dous a un tempo (berenxenas, pementos, calabazas, cogombros, tomates, ervellas, fabas, feixóns), o bulbo (allos, cebolas), as follas (coles, leitugas, escarolas, espinacas, acelgas), as inflorescencias (coliflor, alcachofas), as raíces (nabos, ravos, cenorias) e os talos tenros (espárragos, apio). O valor enerxético adoita ser pequeno, posto que teñen unha gran proporción de auga e un certo contido en celulosa. Son unha fonte importante de vitaminas, de provitaminas A e de minerais. As raíces conteñen glúcidos e nos legumes hai prótidos de interese. Preséntanse ao consumidor frescas, secas, deshidratadas, conxeladas, en forma de derivados (confitadas, extractos) ou en conserva. A produción total mundial é crecente grazas ao aumento continuado da demanda para consumo directo e polas necesidades de expansión da industria conserveira. O comercio internacional de hortalizas ten unha importancia considerable, especialmente o de produtos primarios. As hortalizas máis cultivadas son, segundo o peso da produción, as que o son por follas, froitos, bulbos, inflorescencias ou legumes. En conxunto representan, despois das froiteiras, o cultivo comercialmente máis interesante e o segundo produto de regadío, por diante da forraxe. En España as rexións máis importantes para a horticultura son Andalucía, Comunitat Valenciana, Murcia, Catalunya, Extremadura, Canarias e Galicia.