Hospital, San Pedro Fiz do
Igrexa parroquial situada no Incio. Construída a finais do s XII, foi unha encomenda da orde de San Xoán. Consta de ábsida e nave de maior altura. A ábsida é pentagonal no interior e semicircular no exterior; no testeiro consérvanse tres ventás formadas por unha tripla arquivolta, no interior o tramo recto cóbrese con bóveda de canón e a cabeceira é tripartita. No interior da nave atópanse dúas portas tapiadas no muro esquerdo que comunicaban coas dependencias da orde. No muro esquerdo consérvase un arcosolio coa estatua xacente do comendador frei Álvaro Quiroga. No lado S atópase unha porta formada por unha arquivolta dobre apoiada en columnas acobadeladas e co tímpano liso. A portada principal, enmarcada por dous contrafortes, está formada por catro arquivoltas que se apoian en columnas de fustes lisos e capiteis sinxelos, no tímpano ten gravada unha cruz de Malta. Da antiga fortaleza consérvase unha torre exenta de base cadrada e dous pisos á que se accede por unha porta de arco apuntado -no s XVI converteuse en panteón dos Quiroga e posteriormente en campanario- e un edificio que puido formar parte dela e que ten no seu centro unha cadea colgando que se relaciona co dereito de asilo medieval. Declarárona Ben de Interese Cultural en 1981 e o seu contorno en 1997.