Hospitalet de Llobregat
Municipio da área metropolitana e da provincia de Barcelona, Catalunya (239.019 h [2001]). Vinculado historicamente á cidade de Barcelona, o seu desenvolvemento económico e urbano está en estreita relación co da capital, pois debido ao seu carácter limítrofe converteuse nunha das primeiras áreas de expansión residencial e localización industrial periférica. Esta expansión desembocou nunha auténtica conurbación; malia todo, puido manter a súa identidade municipal, incluso cando en 1974 se integrou na entidade supramunicipal da área metropolitana de Barcelona. Do seu patrimonio cultural destacan as ermidas románicas de Santa Eulàlia de Provençana e de Bellvitge e as construcións industriais modernistas Can Serra e Can Espanya, declaradas Ben de Interese Cultural (1975).