humanismo
(< humano)
-
s
m
[HIST]
Movemento cultural que se desenvolveu en Europa ao longo de toda a Idade Moderna e que se caracterizou pola renovoación do home e do seu papel no mundo e polo redescubrimento dos autores clásicos e a aplicación dos seus valores a todos os campos do saber. En 1428, o florentino Leonardo Bruni (1370?-1444) compuxo unha oración fúnebre para Nanni degli Strozzi onde aparecía, nun contexto revelador, a palabra humanitas; a historia e o sentido desta constitúe un dato imprescindible para a comprensión do humanismo renacentista. Humanitas é unha palabra latina traducida do grego φιλανθπωπία, ‘amor á condición humana’ e que foi utilizada por primeira vez por Esquilo (525 a C-456 a C), quen a aplicou á benevolencia de Prometeo cara aos seus homes. Na época helenística e romana era unha calidade desexable nun monarca e que o mesmo san Paulo lle atribuía a Cristo. L. Bruni tomou o termo humanitas de Cicerón (106 a C-43 a C) e converteuno nun ideal que fascinou os homes do Renacemento que lles fixo ter os seus ollos fixos en Atenas e non en Roma. Na Italia da época o humanista era o profesor de literatura clásica, grega e latina, e o studia humanitatis constituíu un ambicioso programa renovador, fronte ao medieval, que pretendía formar un home novo. O humanismo desenvolveuse en Italia desde o s XIV, en gran medida pola presencia de exiliados e refuxiados bizantinos chegados a Roma trala caída de Constantinopla (1453), polo desenvolvemento do comercio de manuscritos e posterior invención da imprenta de tipos móbiles, e pola creación, nalgunhas cidades italianas, como Florencia, de círculos culturais onde se estudiaba e imitaba os autores clásicos. Desde a Península Itálica o humanismo estendeuse ao longo dos ss XV e XVI por toda Europa e afectou a todos os ámbitos do saber. O máis característico do humanismo de finais do s XVI foi, agás excepcións, o seu carácter relixioso: é certo que o cristianismo entrou en crise nese momento, pero máis tarde isto significou unha mostra de vitalidade. Houbo un retorno ás fontes, ás Sagradas Escrituras, que non entraron en conflito co retorno paralelo aos clásicos pagáns. A clave deste retorno foi o platonismo alegorizante e cristianizante que practicaron desde o comezo os comentaristas italianos de Platón e Apuleio. O epicureísmo cristián de Erasmo manifestou outro tipo de estrutura mental e tamén o estoicismo cristián de T. More. O humanismo tivo unha grande influencia nos modelos e realidades educativas, en particular con respecto á educación de fillos da aristocracia en toda Europa, aínda que amoldando as súas orientacións máis laicas coa finalidade de non entrar en contradición cos dogmas relixiosos. Nesta perspectiva hai que situar os colexios dos xesuítas, que estenderon unha versión vulgarizada e católica dunha parte das orientacións humanistas, que tamén por distintas vías e de diversos modos estiveron presentes na universidade de gramática e nos colexios de gramática.
-
s
m
[FILOS]
Corrente de pensamento que colocou o home no centro do seu interese. Algúns dos seus pensadores prescindiron da idea de divindade, ben ao negar a súa existencia, ben ao cuestionar o seu coñecemento mentres que a gran maioría fomentaron un humanismo en que non se excluía a existencia da divindade nin as súas relacións co ser humano.