Hurdes, Las

Hurdes, Las

Comarca de Extremadura, situada no N da provincia de Cáceres, que se estende pola cabeceira do río Alagón, na vertente setentrional da serra de Gata (5.657 h [2001]). Abrangue os municipios de Caminomorisco, Casares de las Hurdes, Ladrillar, Nuñomoral e Pinofranqueado. É unha área intramontana que polas súas deficientes comunicacións permaneceu illada, feito que agravou a precariedade da súa economía local, vinculada a actividades agropecuarias moi limitadas ata o primeiro terzo do s XX por imposicións señoriais. As dificultades da supervivencia nesta terra proporcionáronlle desde o s XVII unha sona que a converteu no máximo expoñente do subdesenvolvemento da España rural. En 1922, nunha mostra da nova sensibilidade do Estado cara á cuestión, o Rei Afonso XIII realizou unha viaxe á comarca que serviu para presentar diante da opinión pública algúns dos seus problemas e que acentuou a percepción miserable que se tiña dela; un dos que participaron na preparación da viaxe foi Gregorio Marañón, que publicou unha memoria que expuña unha taxa de mortalidade perinatal do 50% e en que se denunciaba que as deficiencias da dieta, moi condicionada polo carácter intramontano e autárquico da súa economía, repercutían nunha incidencia extraordinaria de enfermidades carenciais como o bocio ou o cretinismo. O filme de Luis Buñuel, Las Hurdes, Tierra sin pan (1932), enfatizou e esaxerou esta imaxe miserenta e difundiuna a escala internacional, que fixo que o goberno republicano a censurase en 1934. En 1955 Franco declarouna comarca de atención preferente, pero non foi ata 1976 cando se aprobou o seu Plan de Desenvolvemento Integral.

Palabras veciñas

Huperzia | Huppert, Isabelle | hura | Hurdes, Las | hureaulita | hurí | hurling*