Ideal Gallego, El
Xornal editado na Coruña a partir do 1 de abril de 1917. Nos seus inicios subtitulouse “Diario católico, regionalista e independiente”, de acordo cos principios do seu fundador, o sacerdote Xosé Toubes Pego. Veu encher o oco deixado polo periódico católico El Eco de Galicia, destruído por un incendio. En 1931 incorporouse ao grupo da Editorial Católica, propietaria de El Debate, do diario Ya e da axencia Logos, entre outros medios de comunicación. Durante a Segunda República (1931-1936) sufriu a acción da censura. Nese mesmo período serviu como apoio da CEDA, defendeu a opinión da Igrexa Católica e a acción da alta burguesía de Galicia. No período de posguerra seguiu mantendo a súa orientación ideolóxica e mantivo unha estreita relación co goberno franquista, xa que moitos membros do seu consello de dirección pertencían a diversas institucións e cargos públicos. Ao longo da súa traxectoria editorial, dirixírono: Alfredo G. Ramos, Xacobe Varela, Xosé Mª de Santiago, Alberto Paredes, Xosé M. Pereiro, Pedro G. Aparicio (1936), Santiago Lozano (1939-1952), Narciso Campillo (1952-1955), Manuel Santaella (1955-1968), Pedro de Llano (1968-1971), Luís Blanco (1971-1973), Rafael González (1973-1980), Xosé A. Martín Aguado (1980-1981), Enrique de Arce Temes (1982-1985), Ángel Padín Panizo (1985-1988), Albino Mallo (1989-1991), Valentín A. Martínez (1991-1998), Juan Ramón Díaz (1998-2001) e Manuel Ferreiro Regueiro. Inclúe información de carácter xeral, cunha especial atención ao concello da Coruña e ás comarcas limítrofes. Pertence ao grupo editorial La Capital, xunto con Diario de Ferrol, Deporte Campeón e Diario de Arousa.