Iglesias Posse, Paulo

Iglesias Posse, Paulo

Sindicalista e político socialista. Naceu no barrio ferrolán de Esteiro e, trala morte do seu pai, trasladouse a Madrid (1860), onde iniciou a súa formación como impresor traballando en varias imprentas. En 1870 ingresou na sección de tipógrafos da Federación Madrileña da Internacional e, ao ano seguinte, foi designado secretario da comarca norte da Federación Regional Española da AIT. Comezou as súas colaboracións habituais como xornalista na prensa obreira, principalmente en La Solidaridad, o periódico da Internacional, onde publicou o seu primeiro artigo “La guerra”, ou en La Emancipación, semanario no que formou parte do consello de redacción. En 1873 ingresou na Asociación General del Arte de Imprimir, organización socialista da que foi presidente entre 1874 e 1885 e na que iniciou os traballos preparativos para a creación do Partido Socialista Obrero Español (PSOE), xurdido a partir da reunión do 2 de maio de 1879 na casa Labra, e do que foi nomeado secretario do Comité Central en 1881. En 1885 ocupou a presidencia da Federación Tipográfica Española e, un ano máis tarde, propiciou a aparición de El Socialista (1886), voceiro do PSOE, no que traballou como impresor, redactor e director. En agosto de 1888 acudiu en representación da Federación Tipográfica ao congreso no que xurdiu o sindicato socialista Unión General de Trabajadores (UGT), que presidiu desde 1899. En 1889 asistiu como representante do PSOE ao Congreso fundacional da Segunda Internacional en París e, ao ano seguinte, encabezou a manifestación que celebraba en Madrid, por primeira vez, a xornada de loita do Primeiro de Maio, sendo o encargado de presentarlle ao goberno as reclamacións de reformas lexislativas, entre elas a redución da xornada laboral a oito horas. A partir de 1890 intensificou as súas viaxes para participar en congresos nacionais e internacionais, para fundar ou consolidar agrupacións socialistas ou dar o seu apoio a obreiros en folga. En 1905 foi elixido concelleiro do PSOE pola circunscrición de Madrid, cargo que repetiu en 1913. Nas eleccións xerais de maio de 1910, converteuse no primeiro socialista da historia parlamentaria española que conseguía acta de deputado en Cortes, sendo reelexido en todas as eleccións posteriores (1914, 1916, 1918, 1919, 1920 e 1923). A súa produción intelectual foi de grande envergadura, contándose arredor de 2.000 colaboracións en xornais e revistas españolas e estranxeiras, que o converteron nun dos maiores difusores do ideario socialista. Ao longo da súa vida desenvolveu unha intensa actividade político-sindical, pola que foi moi perseguido, tanto pola patronal como polas autoridades, reportándolle ao longo dos anos varios despidos laborais e numerosas condenas de cárcere.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Ferrol

  • Deceso

    Lugar : Madrid