igrexa

igrexa

(< lat ecclesĭa < gr ἐκλησία ‘asemblea’)

  1. s f [RELIX]
    1. Comunidade dos seguidores de Xesús Cristo. A tradición cristiá antiga afirma que a Igrexa naceu no momento mesmo da morte de Xesús Cristo na cruz, como unha nova Eva xurdida do costado aberto de Cristo, que se manifestou por vez primeira o día de Pentecoste polo Espírito Santo enviado do Pai. A Igrexa, entendida deste xeito, constitúe un misterio, é dicir, unha obra divina na historia. A pesar de constituírse en herdeira de todos os elementos da tradición do pobo de Israel e a pesar de vivir na consciencia de ser o pobo de Deus dos derradeiros tempos, a comunidade dos discípulos de Xesús Cristo portaba o xermolo dunha nova constitución respecto da comunidade xudía a carón da cal vivía: a Eucaristía, que actualiza e renova o memorial da Pascua xudía, a elección dos doce apóstolos enviados a evanxelizar todas as nacións, e o anuncio salvífico de que Xesús Cristo é o Señor e que regresará na fin dos tempos, como principio de toda confesión de fe. Malia que Xesús Cristo anunciara a chegada do Reino e proclamara unha mensaxe de xustiza e amor entre os homes sen facer ningunha obra directa de lexislador, a fundación da Igrexa resultou da fundación, por parte del, dunha comunidade de discípulos. A Igrexa, entendida como comunidade dos seguidores de Xesús Cristo, é esencialmente unha e indivisible; sen embargo, ao longo da súa historia moitas interpretacións remataron por constituír Igrexas diferenciadas. De feito, todos os atributos que deberían definir á Igrexa: católica (universal, fronte ás sectas), ortodoxa (profesando a verdadeira fe) e evanxélica (en continuidade co Evanxeo do que xurdiu), pasaron a designar a algunha Igrexa concreta e non á Igrexa única de Xesús Cristo. Deste xeito denomínase Católica a Igrexa que recoñece a xerarquía do bispo de Roma, Sumo Pontífice, Ortodoxa, dependente de Constantinopla (Bizancio) e Evanxélica, a xurdida da Reforma luterana. OBS: Nesta acepción escríbese en maiúscula.

    2. Comunidade local de cristiáns, presidida por un bispo.

    3. Porción da Igrexa universal definida por un concepto étnico ou xeográfico, pola súa doutrina, por un personaxe que a dirixiu ou organizou doutrinalmente, por un rito litúrxico especial ou por calquera outro criterio.

    4. Conxunto de todos os ministros, do goberno, dunha Igrexa.

  2. s f [ARQUIT/RELIX]

    Lugar de reunión dos cristiáns para a celebración dos actos litúrxicos. A primeira comunidade cristiá, de formación xudea, continuou asistindo á pregaria das sinagogas, pero pronto comezou a reunirse en casas particulares para a celebración da Eucaristía. Do s III coñécese Dura Europos, aínda que ata despois da paz de Constantino I (313) non se comezaron a construír edificios de culto. Estas construcións respondían arquitectonicamente a edificios civís. No Imperio Romano adoptouse a forma da basílica, pero en Mesopotamia e Persia os modelos foron os palacios sasánidas. Un tipo de igrexa especial foi o martyrium, do que deriva a igrexa de planta central. No interior, o espazo destinado ao altar e aos fieis depende do tipo de igrexa e, sobre todo, das diversas tradicións cristiáns. A igrexa inaugúrase cunha festa especial, a dedicación, cuns ritos propios de consagración.

  3. s f [HERÁLD]

    Figura heráldica que se representa con dous campanarios.

  4. igrexa primitiva [RELIX]

    A comunidade cristiá dos tempos apostólicos.

  5. igrexa triunfante [RELIX]

    Os benaventurados do paraíso celestial.

Refráns

  • A igrexa hase de ir de vontade, á guerra de necesidade e ao convite nin de necesidade nin de vontade.
  • A pedra de igrexa ouro gotexa.
  • Ben vella é a igrexa e moitos van vela para recrearse nela.
  • Cando comeres antes de ir á igrexa, non che porán despois a mesa.
  • Na igrexa, cantar; na casa, chorar.
  • Na igrexa, rezar; na praza, calar; na casa falar ata escachar.
  • Pedra de igrexa cartas gotexa.