illante

illante

(< 1 illar)

  1. adx

    Aplícase ao que illa.

  2. adx e s m [TECNOL]

    Aplícase á substancia destinada a impedir o paso da corrente de condución.Utilízanse dieléctricos, de alta resistividade e, polo tanto, de condutividade practicamente nula. Poden ser sólidos, líquidos e gasosos. Os illantes, a diferenza dos condutores, teñen os electróns ligados, pero só en condicións determinadas poden perder electróns, é dicir, que se ionicen, converténdose así en condutores. Os illantes gasosos son gases poliatómicos: N 2 , H 2 , SF 6 , e, sobre todo, o aire. Os illantes líquidos serven para aumentar a rixidez dieléctrica e evacuar a calor producida polas perdas eléctricas ou magnéticas. Empréganse especialmente os aceites minerais, derivados do petróleo, ou ben os sintéticos. Os illantes sólidos, os máis correntes, serven de soporte mecánico dos condutores e permiten a transmisión dos esforzos e da calor. Poden ser compostos naturais (minerais ou orgánicos) ou ben sintéticos. Pódense dividir en clases: O, A, B, C. Os máis empregados son o vidro, o cuarzo, a cerámica, a mica, o amianto, a madeira, a goma, o mármore, o neopreno, o papel, o caucho, a porcelana, a fibra, a resina,etc.

  3. adx e s m [FÍS]

    Aplícase á substancia capaz de soportar un gradiente de potencial de calquera tipo.

  4. illante celular [TECNOL]

    Materiais celulares derivados de polímeros, que teñen, entre outras propiedades, as de illantes térmicos e insonorizantes. O seu comportamento depende da densidade, da rixidez e das dimensión e estrutura da célula (aberta ou pechada). Presentan unhas propiedades comúns en todos eles: son inalterables pola humidade e polos insectos, impermeables á auga (se a célula está pechada), non propagan as chamas, son de pouco peso e teñen características iguais en todas as direccións. As series máis importantes son as resinas de urea-formaldehido, nas que a escuma pode ser cargada con fibra de vidro ou amianto, e son empregadas como insonorizantes; as resinas fenólicas, con dous tipos de escuma de grande estabilidade térmica: a reactiva (construcións isotérmicas) e a sindiotáctica; as resinas epoxi, con métodos de obtención que permiten aplicalas a pistola; as resinas de poliuretano, con moitas variedades, cunha rixidez que depende dos compoñentes e do grao de reticulación, e que se empregan en construción, en casas prefabricadas e en estruturas industriais; os illantes de poliestireno, aplicados na construción, frigoríficos, casas prefabricadas, e estrutuas industriais; os illantes de policloruro de vinilo, similares en obtención e aplicación aos de poliestireno, moi resistentes á auga e á humidade; as resinas de silicona, que son os produtos máis resistentes á temperatura. Cómpre mencionar tamén o acetato de celulosa, o polietileno e diversos produtos celulares fabricados con caucho.

Palabras veciñas

Illán | Illán | illana | illante | 1 illar | 2 illar | illarga