Índico, Océano
Océano comprendido entre Asia, ao N, África, ao O, Indonesia e Australia, ao L, e o Océano Antártico, ao S. É o terceiro océano do mundo en extensión (74.900.000 km2) despois do Atlántico e do Pacífico. Comprende o mar de Arabia, o Mar Vermello, o Golfo Pérsico, o golfo de Bengala, o mar de Andaman e o mar de Timor. Inclúe no seu interior as illas de Madagascar, Seychelles, Comores, Mascareñas, Lakshadweep, Maldivas, Chagos e Kerguelen. As teorías da deriva continental e a tectónica de placas explican a orixe xeolóxica do Océano Índico. Según Mckenzie e Sclater, o subcontinente índico foi desprazado preto de 5.000 km en dirección SO-NL. Inicialmente, America do Sur, África, India, Antártida e Australia estaban unidas formando o continente de Gondwana. Non obstante , hai 180 millóns de anos, ao final do Triásico, América do Sur, África, India e Antártida (aínda unida a Australia) xa se separaran. Parcialmente coñecido polos gregos de Alexandre o Grande e percorrido ata a India polos romanos, os árabes dominaron todo o seu litoral setentrional desde o estreito de Malacca ata as costas do NL de África, onde estableceron unha densa rede de asentamentos comerciais. As expedicións realizadas por Vasco da Gama a finais do s XV representaron a unión da navegación entre o Atlántico e o Índico. Os portugueses dominaron o comercio neste Océano, que foi atravesado por primeira vez desde o Pacífico pola expedición de Juan Sebastián Elcano (1522). Ao comenzo do s XVII, neerlandeses e ingleses estableceron os seus primeiros asentamentos nas costas e nas illas do Índico, do mesmo xeito que fixeron os franceses a mediados dese século, rompendo o monopolio comercial portugués. A mediados do s XVIII os británicos conseguiron controlar case todo o litoral asiático e africano. A apertura do canal de Suez intensificou o tránsito polo N do Océano, en detrimento do S.