Indo

Indo

Río de Asia meridional. Nace a 4.260 m de altitude no monte Kailāsh, no Himalaia, ao S do Tibet. Flúe en dirección NO por un val comprendido entre o do Himalaia, ao SO, e o Karakorum ao NL. Atravesa Kashmir ata Skārdu, onde vira cara ao O para atravesar a cordilleira Karamosh por un profundo desfiladeiro. Atravesa o Himalaia entre estreitos e encaixados vales e chega á chaira de Attock, onde recibe ao Kābul. A partir de alí, drena a fértil chaira do Punjab. Despois, augas abaixo de Hyderābād, desemboca no mar de Omán, logo de percorrer un curso de 3.180 km e drenar unha conca de 1.165.500 km2. Antes da súa desembocadura forma un gran delta duns 8.000 km2 de superficie. O único porto importante do delta é o de Karāchi. O seu réxime é pluvionival e o seu caudal varía considerablemente segundo a estación. O desxeo primaveral provoca grandes enchentas e a outra época de grande incremento caudal esténdese entre xuño e xullo, coa chegada dos monzóns. Está moi aproveitado para o regadío e a produción hidroeléctrica.