Indochina, península de

Indochina, península de

Península de Asia, a máis meridional das tres grandes penínsulas meridionais do continente, situada entre China, ao L, e o Indostán, ao O. Comprendida a península de Malacca, rodean Indochina o golfo de Bengala, ao O, o estreito de Malacca ao S, e o mar da China Meridional ao L e SL. A súa superficie total é de 2.270.964 km2, distribuída entre os estados de Tailandia, Myanmar, Laos, Camboxa, Vietnam, Malaisia e Singapur. < BR> Xeografía
Un dos trazos característicos do relevo de Indochina é a existencia, a partir dun nó montañoso setentrional, dun feixe de aliñacións diverxentes entre as que discorren os principais cursos fluviais e se estenden as chairas aluviais. Nestes fondos de val é onde se asentou a poboación. Climaticamente, a totalidade da península inclúese baixo o réxime dos monzóns. O réxime térmico presenta grandes contrastes en función da latitude e da altitude. Nas chairas as temperaturas responden aos parámetros dos climas tropicais. En correspondencia coas condicións climáticas resultan dous tipos fundamentais de paisaxe: o do bosque tropical, que cobre as montañas, e o das chairas e os deltas, dominado polos campos de cultivo de arroz.
Historia
Cara a 1500 a C establecéronse tribos de cazadores e pescadores, e posteriormente grupos austranesios e protomalaios levaron a cultura neolítica a Indochina. A rexión de Tonquín e o delta do río Vermello caeron na órbita chinesa, e no s III a C formaron unha provincia do seu imperio. O resto da península pasou á área india e cara ao s II constituíron o Reino de Champa, no Annam central, formado polas tribos cham, e khmer de Fu-Nan nos territorios de Camboxa e a Cochinchina. No s VIII o Reino de Champa ocupou a parte N do dominio de Tonquín, mentres que os piratas xavaneses impuxeron no Annam, Tonquín e no val do Mekong o Reino Srīvijaya de Sumatra, que estimulou a cultura india. O Reino Khmer foi liberado e reunificado polo príncipe Jayavarman II (802), que estableceu a capital Phnom Kulem na chaira de Angkor, mentres, as tribos thai procedentes do Yunnan ocuparon o alto Mekong e ameazaron o Reino Khmer. O Reino de Champa, despois dun período de esplendor (s XIII), caeu definitivamente en poder dos annamitas (1471), que se independizaran de China (1428). En Laos, habitado por tribos mon-khmer e sometido ao dominio de Angkor, formáronse unha serie de reinos thai que, cara a 1353, se unificaron no Reino de Lan Xang, unha avanzada da cultura india fronte á influencia vietnamita. Os siameses disputaron en 1853 a Cochinchina e a vertente esquerda do Mekong aos vietnamitas en plena expansión. Vietnam, despois da incorpación do Reino de Champa, dividiuse no s XVI en dous reinos, un ao N con capital en Hanoi e rexido polos Trinh, e outro ao S, con capital en Hue e rexido polos Nguyen. No s XVII Francia substituíu os portugueses como influencia dominante en Vietnam, e cando o Rei Nguyen Anh de Hue foi derrotado e expulsado, recibiu axuda do Rei Luís XVI de Francia a cambio de concesións territoriais, comerciais e relixiosas (1787). Nguyen Anh venceu (1802), reunificou Vietnam, estableceu unha monarquía absolutista e foi recoñecido polo emperador de China. Napoleón III organizou unha expedición franco-española que ocupou a Cochinchina (1858-1860) e en 1863 asinou un tratado de protección con Camboxa, solicitado por esta para escapar dos vietnamitas e siameses. Os franceses ocuparon tamén o delta do río Vermello (1873) e, polo tratado de 1874, Tonquín e Annam caeron na súa órbita. Pola presión do gobernador Étienne constituíuse a Unión Indochinesa (1887) e xurdiu o concepto xeográfico-económico de Indochina. En 1890 Laos, entre Vietnam e Siam, solicitou tamén a protección francesa. A política vacilante de Francia en Indochina modificouse cando o procónsul Paul Doumier (1897-1902) substituíu o réxime do protectorado por unha administración directa e organizou a Federación Indochinesa. En Camboxa, o Rei Norodom I ; (1859-1904) tentou resistir a penetración francesa, pero de feito os camboxanos e os franceses iniciaron unha colaboración moi estreita despois das revoltas de 1866 e 1885. A colonización francesa motivou a formación dunha nova burguesía autóctona enriquecida e vinculada á presenza francesa, e creou tamén un proletariado urbano que se sublevou en Annam (1907-1908) e Saigon (1927-1928). Os traballadores uníronse á resistencia constante das sociedades tradicionais, o que favoreceu a implantación do partido comunista, creado entre 1928 e 1929 e vinculado ao Kominterm. Durante a Segunda Guerra Mundial produciuse unha alianza inicial entre os nacionalistas, os franceses de Vichy e os colonos, que se enfrontaron aos xaponeses. A partir de 1941 creouse o Viet-minh, que aglutinou os nacionalistas e os comunistas que loitaron contra os xaponeses, mentres que un grupo de intelectuais os apoiaron durante a dominación. As forzas xaponesas que ocupaban Vietnam, Laos e Camboxa rendéronse o 16 de agosto de 1945. Ho Chi Minh proclamou a República Democrática de Vietnam (1945), pero o intento francés de recuperar a soberanía de Indochina provocou a ruptura de hostilidades (1946). En 1953 Francia asumiu a defensa de Laos, independente desde 1949 baixo a monarquía profrancesa de Luang Prabrang. A protección de Laos desde a base de Dien Bien Phu motivou unha gran batalla entre novembro de 1953 e marzo de 1954, cando as forzas francesas foron totalmente derrotadas. Polos Acordos de Xenebra de xullo de 1954, Vietnam foi dividido en dous estados e estableceuse a necesidade dun proceso electoral. En Camboxa o príncipe Norodom Sihanuk negociou a retirada dos franceses. En Laos, despois do armisticio, formouse un goberno de coalición (1957), que caeu en 1960 a consecuencia dun golpe de estado das forzas de dereitas, e levou a un novo enfrontamento. A política exterior de EE UU converteu Vietnam do Sur nun elemento clave da súa estratexia anticomunista. Iniciouse unha escalada bélica progresiva por parte de EE UU contra Vietnam do Norte e contra o Viet-cong, con implicacións posteriores en Camboxa (1970). O evidente fracaso da política de EE UU en Indochina obrigou ao establecemento dun acordo en xaneiro de 1973 que permitiu a retirada das tropas expedicionarias de EE UU. En abril de 1975 as tropas rebeldes acadaron a vitoria en Camboxa, mentres que en Vietnam as tropas do GRP entraron en Hô Chí Minh e puxeron fin á guerra e ao dominio de EE UU en Indochina.