indumentaria

indumentaria

(< indumento)

  1. s f

    Ciencia que estudia o xeito de vestir segundo os países ou as épocas.

  2. s f [INDUM]

    estimenta que usan as persoas para cubrirse ou vestirse. A diversidade que presenta no decurso dos tempos, e segundo os pobos e os climas, estivo sempre en estreita relación coas posibilidades materiais e cos gustos artísticos de cada época. Durante o Paleolítico os elementos da indumentaria procedían da caza. No Neolítico apareceron os primeiros tecidos, que se decoraron na Idade do Bronce. En Mesopotamia atopouse un tipo de vestido de pel chamado kaunakes, outro que deixa sen cubrir parte das costas e un veo para as mulleres. En Creta produciuse a primeira aplicación do metal (cobre) á indumentaria. A túnica, de liño ou de la, recta ou plisada predominaba en Exipto e en Grecia, onde o quitón ou túnica curta e o peplo feminino foron tamén moi correntes. A indumentaria romana foi unha derivación da grega, que adoptou o vestido longo para as clases dominantes e o curto para os traballadores. O primeiro predominou durante a Idade Media e influíu nos ornamentos litúrxicos. Na época románica existiu uniformidade na indumentaria dos dous sexos, sempre de cores vivas e cuberta de bordados e adobíos. Tamén na época gótica houbo uniformidade en xeral no vestir de toda Europa Occidental. As clases pobres conservaron aínda a forma da antiga vestidura romana. No s XIV o concepto de beleza ideal xeneralizou o uso da seda e de tecidos orientais e realzou a forma do corpo. Borgoña foi o gran centro de moda do momento, mentres que no s XV comezou a impoñerse a moda da corte de Castela, que acadou o apoxeo pola súa austeridade e o predominio da cor negra no s XVI. Apareceron naquel momento os primeiros uniformes militares. Ao gusto barroco do s XVII correspondeu unha indumentaria chea de excentricidades, como o costume de levar perruca, e Francia e Países Baixos marcaron a moda dos mundos católico e protestante respectivamente. Con Luís XIV a moda volveuse regulamentada e máis severa, e no s XVIII o abaratamento dos tecidos comportou unha maior igualación no vestido entre as diferentes clases sociais. A indumentaria simplificouse, os homes vestiron calzón e casaca (a partir de 1792 pantalóns), e as mulleres, saias grandes e amplas que máis tarde deron lugar ás túnicas. A simplicidade desapareceu novamente no Segundo Imperio, coa aparición do miriñaque e os polisóns. As clases obreiras levaban vestido recto, as mulleres, e blusa, os homes. A finais do s XIX, os homes substituíron a levita pola americana e as mulleres adoptaron a saia recta. Despois da Primeira Guerra Mundial xeneralizouse o uso da saia curta, que posteriormente se transformou en minisaia, e pantalóns para as mulleres. OBS: ;Tamén se denomina indumento.

Palabras veciñas

indulto | indulxencia | indulxente | indumentaria | indumentario -ria | indumento | induplicado -da