Induráin Larraya, Miguel

Induráin Larraya, Miguel

Ciclista. Debutou como ciclista profesional en 1984, despois de proclamarse campión de España amateur o ano anterior. Foi o primeiro ciclista en gañar o Tour de France en cinco edicións consecutivas (1991, 1992, 1993, 1994 e 1995). En 1992 e 1993 venceu tamén na clasificación xeral do Giro de Italia. Nos campionatos mundiais de fondo en estrada conseguiu dúas medallas de prata (1993 e 1995) e unha de bronce (1991). Ademais, na especialidade de carreira contrarreloxo, proclamouse campión mundial en 1995 e olímpico en Atlanta 1996. Tamén gañou o Criterium Internacional (1989), a Dauphiné-Liberè (1995 e 1996), a Clásica de San Sebastián (1990), a Volta a Catalunya (1988, 1991 e 1992) e a París-Nice (1989 e 1990), entre outras. En 1994 conseguiu establecer a plusmarca mundial da hora ao percorrer nese tempo 53,04 km. En 1995 proclamouse campión da Volta á Comunidade Galega. Retirouse da competición en 1996. Das condecoracións e galardóns que recibiu destacan o Premio Príncipe de Asturias del Deporte (1995), a Gran Cruz de la Real Orden del Mérito Deportivo (1995), a Légion d’Honneur de Francia (1996) e a Orde do Mérito Olímpico (1997).

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Villava, Nafarroa