informática
(
-
s
f
[INFORM/TECNOL]
Conxunto de ciencias, técnicas ou actividades relacionadas co tratamento automatizado de datos. Os sistemas empregados para o tratamento da información constan duns compoñentes físicos, denominados maquinaria ou hardware, e doutros lóxicos ou formais, os programas ou software. Os compoñentes físicos son o ordenador, elemento que efectúa propiamente o tratamento dos datos, e os equipos periféricos, máquinas que proporcionan ao ordenador a entrada, o almacenamento e a saída. A informática deseña os elementos constituíntes da estrutura lóxica ou arquitectura do ordenador e do equipo periférico. Os compoñentes lóxicos dun sistema de tratamento de datos son os programas, que traducen un programa escrito nunha linguaxe de programación ao código ou linguaxe interna do ordenador. O desenvolvemento da informática é contemporáneo. Despois das máquinas de calcular dos séculos anteriores, un dos primeiros sistemas informáticos foi o construído por Hollerith en 1890 en EE UU. Os estudios de Turing (1936) contribuíron a establecer as bases teóricas da informática. O ordenador, na súa arquitectura actual, naceu da idea, atribuída a John von Neumenn, de almacenar o programa no interior da memoria central; a primeira destas máquinas foi o EDSAC (1949) da Cambridge University (EE UU). Posteriormente, creáronse as diversas linguaxes simbólicas, diante da imposibilidade de programar no código interno do ordenador. As etapas que o usuario dun sistema de tratamento de datos ten que seguir para levar a termo unha tarefa son a análise informática, a programación e as probas. A informática creou novos postos de traballo; ademais do analista e programador, cómpre destacar o operador das máquinas e o rexistrador dos datos. A industria informática converteuse na clave da denominada Terceira Revolución Industrial. Desde 1958, cando se incorporaron os transistores, o sector informático experimentou un proceso espectacular de desenvolvemento que levou á creación dos circuítos integrados e, en 1970, do microprocesador. Esta evolución puido ser tan rápida gracias ao apoio da electrónica, que progresou en paralelo, sobre todo no relativo á miniaturización dos compoñentes.
-
informática de xestión
[INFORM/TECNOL]
Parte da informática que se refire ás operacións dunha empresa ou organización.
-
informática integrada
[INFORM/TECNOL]
Rama da informática que facilita a coordinación de procesos previamente desligados para mellorar o rendemento total. A coordinación adoita incluír a contabilidade dos datos entre as diferentes representacións destes.
-
informática interactiva
[INFORM/TECNOL]
Parte da informática que trata do uso colectivo e simultáneo dun mesmo ordenador por varios usuarios mediante as técnicas de multiacceso e do proceso conversacional.