Inglaterra

Inglaterra

País de Gran Bretaña, Reino Unido, que se estende desde Escocia, ao N, ata o Canal da Mancha, ao S, e que limita ao O con Gales e ao SO con Cornualla (130.422 km2; 49.996.600 h [estim 2000]). A súa capital é Londres.
Xeografía
Existen dúas rexións ben diferenciadas, a do N e o O e a do S e o L, que corresponden, respectivamente, ás Highlands e as Lowlands. Ao NO atópanse restos do pregamento caledoniano que corresponden ao macizo de Cumberland. Os vales, dispostos de maneira radial, conforman un país moi quebrado. A erosión glacial deixou diversos vestixios neste macizo; un deles son os numerosos lagos. O val do río Eden separa ao L os Peninos do Cumberland; este val está disposto de N a S, por iso toma o nome de columna vertebral de Inglaterra. As Lowlands están formadas, en xeral, por sedimentos secundarios; a superposición de capas duras e brandas dá lugar a un relevo en cuesta. As dúas aliñacións máis importantes son as Cotswold Hills (Xurásico) e as Chiltern Hills (Cretácico). Ambas as dúas liñas seguen unha dirección SSL-NNL, e no medio ábrese unha depresión percorrida ao L polo río Támesis e que remata ao O, na rexión de Fens. Os ríos de Inglaterra son curtos, pero caudalosos; ofrecen, polo tanto, moitas facilidades para a navegación e constitúen un elemento importante para as comunicacións. Moitos deles foron adaptados para o transporte de mercadorías e son moi útiles para as grandes rexións industriais. As costas deron lugar, nas desembocaduras dos ríos, a grandes estuarios onde se atopan case todos os portos ingleses. O clima de Inglaterra, debido á súa situación marítima e polo efecto da corrente do Golfo (Gulf Stream), é moderado, sobre todo ao O e ao SO, mais expostos aos ventos oceánicos. A vexetación natural é basicamente de tipo atlántico. Predominan os prados; os bosques caducifolios e as landas foron obxecto dunha importante destrución. A densidade de poboación de Inglaterra é moi superior á media de Gran Bretaña. As rexións máis poboadas corresponden ás máis industrializadas: Lancashire, Cheshire, Merseyside, Great Manchester, West Yorkshire, as Midlands e as áreas de Southampton e de Bristol ao S e de Sunderland ao N; pola contra, nas chairas do S, onde a actividade principal é a agricultura, a densidade de poboación é máis baixa. A rexión de Londres é unha das concentracións humanas máis grandes do mundo.