Inmaculada Concepción

Inmaculada Concepción
[RELIX]

Festividade celebrada o 8 de decembro para conmemorar a crenza de que María, en virtude da graza preventiva de Xesús Cristo, fora preservada do pecado orixinal desde o instante en que foi concibida. Sen testemuño explícito na Biblia, esta doutrina foi aprobada por Sisto IV (1476) e definida como dogma de fe por Pío IX (8.12.1854) na bula Ineffabilis Deus, tras moitos séculos de discusións teolóxicas e despois dunha tradición piadosa popular ben asentada en España desde o s XVII. Non obstante , grandes teólogos, como san Bernaldo de Claraval, santo Alberte o Magno, san Boaventura, san Tomé de Aquino e, posteriormente, a escola dominicana, de acordo co principio da universalidade do pecado orixinal, opuxéronse a esta doutrina; os seus principais defensores foron os franciscanos. De raizame oriental, a celebración nace no s VIII en ambientes bizantinos e do Mediterráneo pasou a Irlanda; no arquivo da catedral compostelá xa se documenta en 1262. Daquela festexaba a concepción de María, narrada nos Evanxeos apócrifos, por Xoaquín e Ana, estériles desde había moitos anos. En Compostela foi durante moito tempo festa local, inda que eclesiásticos como san Bernaldo opuxéronse á súa difusión. Esta polémica agromaría novamente cando algúns quixeron modificar o contido da festa, aludindo a que María, desde a súa concepción, estivo ausente da mancha do pecado orixinal. Na iconografía represéntase como unha moza, cos brazos estendidos ou cruzados sobre o peito en actitude de oración, vestida cun traxe branco e unha túnica azul ornada con estrelas, elevando a mirada mística cara ao Ceo; aparece de pé sobre un trono de nubes que rodea unha esfera terrestre, pisando unha media lúa (símbolo da castidade) e coroada por doce estrelas; ás veces pisa un dragón ou unha serpe (símbolo da súa vitoria sobre o demo e o pecado). Durante o Barroco adquiriu o seu máximo desenvolvemento. Entre outras representacións, destacan as de Murillo, Zurbarán e Ribera; en Galicia sobresae a representación escultórica de Pecul. A Inmaculada é patroa da facultade de Farmacia e ademais é titular de 3 parroquias galegas: O Robledo da Lastra (Rubiá), Millarouso e Santurxo (O Barco de Valdeorras) e Mendoia (A Pobra de Trives).

Palabras veciñas

iniquidade | inlandsis* | Inmaculada | Inmaculada Concepción | inmaculado -da | inmanencia | inmanente