Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento
Entidade cultural constituída formalmente en 1944, aínda que se acordou a súa creación en 1943, en Santiago de Compostela. Adscrito ao Centro Superior de Investigaciones Científicas, naceu baixo o Franquismo en substitución do Seminario de Estudos Galegos (1923-1936) e recolleu parte dos seus fondos, espoliados e depositados na Universidade de Santiago de Compostela. Desde a súa fundación acolleuse á patrocinio e maxisterio de frei Martín Sarmiento. Tivo a súa primeira sede na rúa Nova e en 1946 trasladouse á antiga librería do Colexio Fonseca para, posteriormente, instalarse no Hospital de San Roque. O seu primeiro director foi Francisco Javier Sánchez Cantón e desde 1994 diríxeo Eduardo Pardo de Guevara y Valdés. No momento da súa creación estaba constituído en dez seccións: Xeografía, Prehistoria, Historia, Arqueoloxía, Arte, Filoloxía, Literatura, Etnografía e Folclore, Estudios compostelanos e Peregrinacións, e Bibliografía e Publicacións. Despois de diversas modificacións organízase nas seccións de Arqueoloxía e Prehistoria, Historia, Historia da Arte, Etnografía, e Lingua e Literatura. Ata a década de 1960 non puido empregar o galego nas súas publicacións, e posteriormente empregouno dun modo moi limitado. Desde os últimos anos desenvolve un amplo programa de investigación nas humanidades e nas ciencias sociais, para os que realiza convenios con institucións públicas e privadas. Publica Cuadernos de Estudios Gallegos (1944), do que se editaron números extraordinarios en homenaxe a distintas personalidades, os Anexos e a colección Monografías (1995), e en colaboración coa Fundación Pedro Barrié de la Maza, a colección Galicia Histórica. Conta cunha nutrida biblioteca e arquivo, que conforman unha das maiores masas documentais editadas con respecto a Galicia. Dela forman parte ademais fondos bibliográficos histórico-culturais procedentes de Portugal e Brasil.