Internacional, Terceira

Internacional, Terceira

Organización de traballadores, tamén coñecida como Komintern, fundada en Moscova en 1919 coa intención de construír unha unión de partidos comunistas. No Congreso de Moscova (1920), Lenin acolleu a delegacións de 37 países e trazou os 21 puntos que constituían as bases ideais para a adhesión á Internacional, que pasaban pola creación dunha estrutura análoga á do Partido Comunista da Unión Soviética e a loita contra a socialdemocracia. Trala morte de Lenin, o Komintern sufriu as consecuencias dos conflitos internos do grupo dirixente na URSS e, especialmente nos anos de stalinismo coa súa política de socialismo nun único país, o que subordinou os intereses nacionais soviéticos ás demandas do resto dos partidos comunistas. A chegada de Hitler ao poder (1933), xunto coa expansión dos movementos fascistas en toda Europa, levou á Internacional a promover as frontes populares en todos os sectores sociais antifascistas. No transcurso da guerra, Stalin disolveuna (1943).