Irlanda

Irlanda
Nome científico: [irlandés: Éire]

Illa do arquipélago británico, situada ao O da illa de Gran Bretaña, da que só a separan 23 km no lugar máis estreito do mar de Irlanda (83.849 km2). Está dividida entre a República de Irlanda, estado soberano, e Irlanda do Norte, que forma parte do Reino Unido e Irlanda do Norte.
Xeografía
O zócolo irlandés componse dunha gran variedade de rochas primarias: calcarias paleozoicas, xistos e granitos. Morfoloxicamente a illa está formada por unha depresión central dominada ao N e ao S por macizos montañosos, onde aparecen lagos e turbeiras. Ao N, macizos graníticos e volcánicos aparecen separados por amplos golfos; o maior é o de Dún na nGall, no NO. Ao S os sistemas encadéanse de xeito lonxitudinal con máis continuidade, e forman un relevo de tipo apalachense (montañas de Corcaigh e Ciarraí). Neste sector atópase o punto culminante da illa, os 1.041 m de altitude do Carrantuohill. A rede hidrográfica ten como principal expoñente ao río Shannon (Ant-Sionna). O clima é oceánico hiperhúmido. A vexetación é eurosiberiana de carácter atlántico. Nas cotas máis baixas o clímax é o bosque caducifolio de carballo e freixo. Nas montañas dominan as landas e os faiais. A poboación experimentou un forte retroceso no s XIX a consecuencia dunha intensa corrente emigratoria que se dirixiu principalmente cara a EE UU e os territorios de ultramar do Imperio Británico. As características edáficas e climáticas favoreceron o desenvolvemento dunha agricultura moi vinculada á explotación gandeira, especialmente á ovina e bovina. Os principais núcleos de poboación, Belfast no N e Dublín e Corcaigh no S, correpóndense cos maiores centros industriais do país.
Historia

Da prehistoria ao dominio anglonormando
As escavacións arqueolóxicas de Mount Sandel demostraron que os primeiros poboadores de Irlanda foron pequenos grupos de cazadores e recolectores que chegaron cara a 9000 a C. No Neolítico establecéronse novos grupos aos que se atribuíu a construción dos megálitos e as cámaras funerarias repartidas ao longo do Boyne. Entre o 2000 a C e o 1700 a C chegou un novo grupo de inmigrantes que introduciron a Irlanda na Idade do Bronce e iniciaron as explotacións de cobre e ouro e o traballo dos metais. Na Idade do Ferro a illa foi ocupada polos celtas procedentes de Europa Oriental, caracterizados pola cohesión social, cultural, lingüística e relixiosa, e que someteron á poboación autóctona. A illa dividiuse nunha multitude de pequenos reinos gobernados por monarcas electivos.   A illa non foi invadida polos romanos, pero a partir do s III expandiuse o cristianismo, introducido por san Patricio durante o s V. No s IV os diversos clans federáronse en cinco reinos principais: Ulster, Leinster, Munster, Connacht e Meath. As dúas capitais político-relixiosas foron Emain Macha (Navan Fort), sede dos reis do Ulster, e Tara, sede dos reis de Meath e máis tarde do Ard Rí (Monarca Supremo). Entre os ss VIII e XI estivo sometida ás continuas invasións escandinavas, ata que Brian Boru lles puxo termo trala vitoria de Clontarf (1014). En 1155 o Papa Adrián IV outorgoulle a soberanía de Irlanda a Enrique II de Inglaterra e, coa intervención dos anglonormandos (1166), rematou a independencia da illa. Non obstante , ata o s XVI a dominación inglesa limitouse á costa oriental. Mentres, a Lei Poynnings (1494) estendeu a Irlanda a lexislación británica e declarou nulas todas as decisións do parlamento irlandés.
As primeiras loitas pola independencia
Nas loitas relixiosas do s XVI, os irlandeses loitaron pola súa independencia e pola súa relixión. En 1541 Enrique VIII de Inglaterra empregou por primeira vez o título de rei de Irlanda. Os intentos de impoñer o protestantismo e as confiscacións das terras provocaron as revoltas de Fitzgerald de Desmond (1568-1583), de Shane O’Neill (1599), de Hugh O ‘Neall, conde de Tyrone e de O’Donnell (1594-1603), pero todas foron enerxicamente reprimidas. En 1641 estoupou unha gran rebelión, prolongada durante máis de dez anos, que foi reducida por O. Cromwell ordenando as matanzas de Drogheda e Wexford (1649). A situación do país mellorou trala restauración dos Stuart e, sobre todo, durante o reinado de Xaime II de Inglaterra (1685-1688). Malia que os irlandeses acadaron a liberdade relixiosa e garantías para as súas terras polo Tratado de Luimneach, Guillerme III non respectou este acordo e en 1704 publicou as leis penais que lles impuxeron aos católicos irlandeses a submisión máis absoluta. A axitación provocada pola influencia da Revolución Francesa, coa fundación da Society of United Irishmen de Tone Wolfe (1791), e a rebelión de 1798, abriron un novo período de represión que culminou en 1801 coa aprobación da Union Act, pola que Irlanda se uniu a Gran Bretaña (Reino Unido e Irlanda).
O dominio británico no s XIX
Desde comezos do s XIX o dominio de Gran Bretaña sobre Irlanda estendíase á economía, pois a propiedade da terra concentrábase nas mans dos terratenentes británicos, e á relixión, pois a Igrexa oficial era a anglicana, malia que a maior parte da poboación profesaba o catolicismo. Ademais, trala abolición do parlamento irlandés (1800) como represalia pola insurrección de 1798, os irlandeses carecían dun órgano de representación propio. A partir desta data, o nacionalismo irlandés, de carácter moderado estaba liderado por Daniel O’Connell, fundador e líder dunha asociación católica (1823) que loitou por eliminar os impedimentos relixiosos que prohibían que os católicos ocupasen postos ao servizo do Estado. En 1829 conseguiu a abolición desta lei e accedeu ao parlamento de Londres, onde loitou polo restablecemento do parlamento irlandés e a concesión da autonomía. En 1840 creou a Loyal National Repeal Association para loitar pola autonomía de Irlanda, pero non obtivo éxito. Durante o s XIX experimentou graves crises económicas que culminaron nas fames de 1846-1848. Isto provocou a emigración de case dous millóns de irlandeses cara a América, nun éxodo que se prolongou ata comezos do s XX. En 1881 W. E. Gladstone iniciou a reforma agraria, que non resolveu os problemas económicos e sociais, polo que a maior parte das terras permaneceron nas mans dos ingleses. O movemento nacionalista radicalizouse e xurdiron movementos armados como os Young Irelanders, a Irish Revolutionary Brotherhood, ou fenianos, e os Irish Volunteers.
A ruptura da sociedade: a crise da pataca e a radicalización do nacionalismo
A crise da pataca estendeuse por Irlanda entre 1845 e 1849 e provocou unha elevada mortalidade (12 % da poboación), unha masiva emigración e unha tendencia ao crecemento demográfico negativo nas décadas seguintes. A crise afectou tamén ao idioma gaélico, que experimentou un retroceso importante no número de falantes. Ademais as terras de cultivo reconvertéronse en zonas de pasto e desapareceron as explotacións de menor tamaño. Neste contexto, desenvolveuse en 1848 unha nova vía nacionalista coa sublevación dos Young Irelanders, un pequeno grupo de nacionalistas católicos e protestantes. A creación da Irish Revolutionary Brotherhood ou fenianos (1867), xunto coa reaparición do nacionalismo irlandés na década de 1870 coa Irish Home Rule League (1873), plataforma nacionalista moderada e conservadora e a Land League (Liga da Terra) en 1879, movemento de arrendatarios que formaron a base social do nacionalismo político, obrigaron o goberno británico a buscar unha solución para pacificar Irlanda e conservar o control. Trala reforma electoral de 1884, que lle concedeu o dereito ao voto aos arrendatarios, nas eleccións de 1885 os nacionalistas irlandeses acadaron un apoio masivo.
Da Home Rule á independencia
O primeiro ministro inglés William Ewart Gladstone tentou resolver a cuestión irlandesa mediante a presentación da Home Rule, conxunto de normas que lle outorgaban a Irlanda unha importante cota de autonomía, pero foi rexeitada pola Cámara dos Comúns en 1886. En 1893 Gladstone presentou de novo o proxecto, que foi aprobado na Cámara dos Comúns, pero rexeitado na Cámara dos Lores. Este fracaso impulsou a constitución do Sinn Féin (SF), organización que en 1905 se converteu en partido político e dirixiu a loita contra os británicos e a minoría probritánica agrupada no N. As presións irlandesas levaron á concesión da Home Rule en 1914, pero o comezo da Primeira Guerra Mundial provocou a suspensión da súa aplicación. En 1916 desencadeouse no S a denominada Revolta de Pascua, que foi duramente reprimida polas tropas británicas, pero impulsou o nacionalismo irlandés e a súa loita pola independencia. As divisións entre o N e o S de Irlanda eran notables: no S predominaba unha economía agraria dominada polos terratenentes ingleses, cun escaso investimento de capital británico e unha maioría de poboación campesiña e de relixión católica; e no N desenvolvérase máis o capitalismo industrial, a burguesía estaba máis estreitamente ligada á burguesía británica, o proletariado era relativamente numeroso e a relixión maioritaria era o protestantismo. Trala guerra, a Coroa británica creou dous parlamentos: un en Belfast e outro en Dublín. Nas eleccións de 1918 o SF gañou no parlamento de Dublín, feito que provocou unha guerra civil entre nacionalistas e británicos (1919-1921), que derivou no recoñecemento, por parte dos británicos, do Irish Free State (Estado Libre de Irlanda), durante a firma do tratado de paz.