Iruña
Capital de Nafarroa, na confluencia dos ríos Sadar e Arga (183.964 h [2001]). A súa condición de capital rexional converteuna nunha cidade administrativa. Tamén é un destacado centro de ensino superior, grazas á Universidad de Navarra (que fundada en 1952 polo Opus Dei é unha das máis prestixiosas de España) e á Universidad Pública de Navarra. Fundada por Cneo Pompeio Magno en 74 a C no territorio dos vascóns, estivo dominada por visigodos e árabes. Foi incendiada polas tropas de Carlomagno (778). Capital do Reino de Pamplona, posteriormente Reino de Navarra, tivo unha época de esplendor no s XI ao converterse nun dos lugares importantes do Camiño Francés de peregrinación a Santiago e acoller colonias de mercadores estranxeiros (francos). Durante a Baixa Idade Media, as loitas entre os seus poboadores e os francos remataron en 1422, cando Carlos III de Navarra unificou as diversas entidades de poboación do núcleo urbano. Durante o s XX, o gobernador militar da cidade, o xeneral Mola, conseguiu a súa adhesión á sublevación de xullo de 1936. O conxunto histórico da cidade vella foi declarado Ben de Interese Cultural en 1968. Destacan as murallas do s XVI; as igrexas de San Saturnino e San Nicolás do s XIII; a catedral gótica (ss XIV-XV), edificada sobre unha construción románica e con fachada neoclásica, que acolle o mausoleo dos reis de Navarra; a Cámara de Comptos (s XIV); e do s XIX o Ayuntamiento e o Palacio Provincial. Un dos atractivos da cidade é a celebración das festas de San Fermín (6-14 de xullo).