Isidoro de Sevilla, santo
(Sevilla 560? - 636) Doutor da Igrexa e arcebispo de Sevilla (601-636). Era irmán de san Leandro, a quen lle serviu de titor e mestre, e do que herdou o arcebispado. Compilador e sistematizador da ciencia antiga, foi un dos principais mestres da Europa medieval latina. Presidiu distintos concilios en Sevilla e Toledo, organizou bibliotecas e ordenou a liturxia hispamo-visigoda. Autor de numerosas obras, a de maior relevancia foi Etymologiae, obra enciclopédica que comprendía o saber humano da época. Tamén destacan Historia Gothorum Vandalorum Sueborum, Setentiae e Regula monachorum. As súas reliquias trasladáronse a León onde recibe culto desde o s XI. É patrón das facultades de Filoloxía, Xeografía e Historia, Filosofía e Ciencias da Educación. Na iconografía viste de pontifical con casula ancha e sagrado palio, ás veces coa mitra na cabeza, e leva como atributos: un báculo da tripla cruz arcebispal, un libro aberto e unha colmea. Nos calendarios hispanos anteriores ao s XII a súa festividade figuraba o 4 de abril (data da morte) e así o estableceu o calendario reformado en 1969, aínda que o episcopado español escolleu o 26 de abril.