Isolda
Antropónimo feminino de orixe incerta que procede da forma latinizada dun nome que no francés antigo aparece como Iseulte, Iseut, Iseult, Isaut, Isot, Isolt, entre outras formas, quizais relacionado con Essylt medieval do País de Gales. Probablemente vén dun nome céltico ou xermánico composto de *isan- ‘ferro’ (ou de *is- ‘xeo’) e *hildjo ‘batalla’; de aí que o seu suposto significado sería ‘guerreira dura coma o ferro/xeo’. Nas lendas do mundo céltico medieval fálase de dúas Isoldas ou Iseos, que tiveron amores tráxicos con Tristán. Isolda a loura, princesa de Irlanda, que casa co rei Marco da Cornualla, pero é amante de Tristán, e a bretoa Isolda a das brancas mans, filla do duque Höel, que casa co cabaleiro pero que nunca conseguirá desterrar o amor que o seu esposo sente pola outra Isolda.