Isolda

Isolda
[LIT/MÚS]

Esposa do Rei Marco de Cornualla. É a protagonista xunto con Tristán dunha lenda medieval que simboliza o amor sublime. Cando o vello rei Marco envía o seu sobriño Tristán de Loonois, un gallardo e valente cabaleiro, buscar a súa prometida Isolda a loura, princesa de Irlanda, o mozo namórase loucamente dela por mor dunha beberaxe máxica. Malia todo, o rei casa con Isolda, pero, cando é informado da relación que une os amantes, exilia a Tristán. En Bretaña casará con Isolda a das brancas mans, filla do duque Höel, pero ficará sempre namorado da princesa irlandesa. De feito, unha vez que cae ferido de morte nunha batalla, consciente da fin dos seus días, manda ao seu cuñado Kaerden a Cornualla na procura da loura Isolda para vela por última vez. Previamente acordara con Kaerden que se traía consigo a raíña, navegaría con vela branca, e se regresaba sen ela, despregaría a vela negra. A bretoa Isolda, sabedora do pacto e ciumenta da súa rival, díxolle ao seu esposo que a nave de Kaerden volvía coa vela negra. Ao coñecer a noticia Tristán morreu de contado; e cando chegou Isolda a loura e viu o seu amante morto, deitouse ao seu lado e deixouse morrer tamén de amor. Esta lenda de orixe céltica, inspirada en vellas tradicións galesas, bretonas ou cornuallesas, xunto a outros motivos da Antigüidade clásica, servíronlle de base ao compositor alemán Richard Wagner para o seu famoso drama musical Tristán e Isolda (1865).

Palabras veciñas

isolacionismo | isolacionista | Isolda | Isolda | isolecítico -ca | isoleucina | isoliña