Israel, Reino de
Monarquía unida de dez das doce tribos do pobo de Israel, en contraposición co Reino de Xudá, que xurdiu tralo cisma de Xeroboam I. Este estableceu inicialmente a nova capital en Siquem e despois en Tirça, e instalou un santuario nacional para as dez tribos en Dan. O goberno dos vinte reis que se sucederon no trono de Israel en diversas dinastías caracterizouse pola apostasía do culto de Iavé, a favor do de Baal, a inxustiza social e a intriga política. Coa excepción dalgúns períodos de calma e éxito comercial, o reino permaneceu baixo a presión constante dos inimigos externos. Omri (885 a C- 874 a C) trasladou a capital a Samaria, e no reinado de Xeroboam II (783 a C- 743 a C) Israel posuía a maior parte dos territorios conquistados por David e Salomón, pero perdeunos de novo con Menahen (737 a C-736 a C). Oseas (732 a C-724 a C) tentou establecer unha alianza con Exipto pero Salmanasar V de Asiria sitiou Samaria (723 a C-722 a C). A capital caeu baixo o dominio de Sargón II en 721, que deportou os seus habitantes e puxo fin ao reino.