Italia, Guerras de

Italia, Guerras de

Conxunto de campañas militares que enfrontaron os estados italianos, xunto con Francia, España e o Imperio, nos ss XV-XVI. Iniciouse coa toma de Nápoles por Carlos VIII de Francia (1495), recuperada por Gonzalo Fernández de Córdoba, o Gran Capitán, ao mando das tropas enviadas por Fernando II de Aragón, o Católico, que reinstaurou a Fernando II de Nápoles. En 1501, deposto o seu sucesor Federico III, Francia e a monarquía hispánica, de acordo co Tratado de Granada (1500), repartiron o reino; pero os límites entre as dúas partes provocaron unha nova guerra. Despois das vitorias do Gran Capitán en Cerignola (1503) e Garigliano (1504), os franceses foron expulsados de Nápoles e Fernando o Católico proclamouse rei. O Milanesado motivou a primeira guerra entre Francisco I de Francia e o Emperador Carlos V (1521-1526). Trala ocupación de Milán (1500) por Luís XII de Francia, Carlos V apoderouse da cidade en 1521, e derrotou e fixo prisioneiro a Francisco I en Pavia (1525), esixindo para a súa liberación a renuncia ao Milanesado, acordo que se estableceu no Tratado de Madrid (1526). Formada a Liga de Cognac, Francia iniciou a segunda guerra contra Carlos V (1526-1529) que finalizou coa Paz de Cambrai (1529), que impoñía a hexemonía dos Habsburgo en Italia. A morte de Francesco Sforza de Milán provocou un novo conflito en 1535, ao reclamar Francisco I a sucesión de Milán para un candidato seu. Tras unha tregua en 1538, a contenda rematou co Tratado de Crépy (1544). Durante o reinado de Filipe II estalou novamente a guerra con Enrique II de Francia, aliado co papa. As vitorias hispánicas obrigaron os franceses a abandonar Italia, e polo Tratado de Cateau-Cambrésis (1559) recoñecéuselle á coroa hispánica o dominio en Italia ata finais do XVIII.

Palabras veciñas

itacónico, ácido | itafin | Italia | Italia, Guerras de | italianismo | italianista | italianizante