Kapital, Das
Obra de Karl Marx subtitulada Kritik der politischen Oekonomie (Crítica da economía política) É a principal obra económica de Karl Marx (1818-1883). O primeiro volume publicouse en 1867, o segundo e o terceiro publicounos F. Engels postumamente en 1885 e en 1894. Entre 1905 e 1910 Karl J. Kautsky publicou, a partir de manuscritos de Marx, Teorías sobre a plusvalía, que para algúns está considerada como o cuarto volume da obra. O estudo que realiza do capital, a propiedade territorial, o traballo asalariado, o estado, o comercio exterior e o mercado mundial, constitúe o corpo central da teoría económica do marxismo. Analizou a estrutura da sociedade capitalista traballando nun amplo volume de documentación histórica, nos que, usando un método analítico, estableceu as bases da crítica científica da economía política clásica, da sociedade e das superestruturas capitalistas. Estableceu os conceptos de mercadoría, valor, forza do traballo, salario e plusvalía, descubriu as leis fundamentais do capitalismo e estableceu unha teoría revolucionaria nova: o materialismo histórico.