Kashmir

Kashmir
Nome científico: [hindú: Kashmir]

Rexión do N de India, actualmente dividida entre India, no estado de Jammu e Kashmir, e Paquistán, no Kashmir “Azad” ou libre (222.236 km2; 7.818.700 h [1989]). Distínguense seis subrexións: as montañas do Karakorum, o val do Indo, as montañas do Himalaia, o val de Kashmir, as montañas do Pil Panjal e unha parte da chaira do Punjab. O clima é alpino nas zonas de alta montaña e tropical ao SL. Posúe unha poboación na súa maioría rural, que se divide en musulmáns, hinduístas e unha pequena parte budista. Como cidades destacan Srinagar e Jammu. Os seus recursos máis importantes son a agricultura, a explotación forestal, a sericultura e a gandería das cabras produtoras de lá. Foi colonizada polos arios, dominada por diversas dinastías hindús, integrouse no Imperio de Asoka (s III a C) e adoptou o budismo como relixión. Á morte deste monarca, o hinduísmo rexurdiu tomando a forma de numerosas sectas. Aliouse con China durante os ss VII e VIII buscando a protección fronte ás invasións musulmáns. Finalmente Shah Mir Swati conquistou o país e gobernouna co nome de Sams al-Din A zam desde 1334. A poboación converteuse maioritariamente ao Islam, entre 1386 e 1410, no reinado de Sikandar Shah. O emperador mongol Akbar conquistouna en 1586 e formou parte deste imperio ata que Ahmad Shah Durrani, en 1752, a anexionou a Agfanistán. En 1819 Ranjit Singh incorporouna ao Reino sikh de Punjab e, a súa morte en 1839, pasou a mans dos británicos. Despois de firmar un tratado cos británicos en 1846 o maharajah Gulab Singh pasou a gobernar o territorio. Ao proclamarse a independencia en 1947, as posesións británicas en India dividíronse en dous estados, India, de maioría hinduísta e Paquistán, de poboación musulmana. Kashmir, maioritariamente musulmana, reclamou a unión co estado de Paquistán. Non obstante , o maharajah hindú que gobernaba a rexión ordenou a súa incorporación a India o 26 de outubro de 1947, de acordo coa Conferencia Nacional de Kahsmir. Paquistán e India enfrontáronse pola súa posesión nunha guerra, que concluíu en 1949 coa mediación dunha comisión da ONU e permitiu o establecemento dunha liña fronteiriza. A Asemblea do Estado declarou a república e quedou integrada na Unión India en 1957. Os novos intentos para chegar a un acordo en 1953-1954 e 1962-1964 fracasaron. Houbo tamén disputas fronteirizas entre India e China que chegaron a un enfrontamento bélico en 1962, no que China conseguiu importantes zonas do N do país. Producíronse novos combates fronteirizos en 1965 e 1971. Neste último, Paquistán perdeu parte do seu territorio kashmirés, que pasou a India. Na década de 1980, os conflitos agraváronse con protestas cando os paquistanís decidiron considerar parte do seu territorio a zona ocupada por India. No Kashmir indio o movemento separatista reapareceu en 1988 e reclamou unha maior independencia. A tensión aumentou en 1990, cando se produciron enfrontamentos violentos entre tropas de India e manifestantes a favor da independencia.   Paquistán e   India asinaron un acordo en 1991, para poñer fin ao conflito, pero os enfrontamentos seguiron. En 1997 reuníronse en Malé os primeiros ministros de India e Paquistán buscando novas vías de negociación para solucionar o conflito. As probas nucleares efectuadas por India os días 11 e 13 de maio de 1998 e as réplicas de Paquistán os días 28 e 30 do mesmo mes, xunto cos tiroteos entre as forzas de seguridade indias e os grupos separatistas, supuxeron un novo endurecemento dos enfrontamentos fronteirizos. A visita do primeiro ministro indio Atul Bihari Vajpaye a Lahaur os días 20 e 22 de febreiro de 1999 calmou a tensión entre as dúas nacións ata o mes de maio, cando unha nova ofensiva de Paquistán na rexión de Kargil, levou a India a enviar á fronte a 30.000 homes.