Jiménez, Juan Ramón
Poeta lírico. Foi un dos máximos expoñentes do modernismo en lingua castelá, que influíu decisivamente en xeracións de poetas posteriores. Interesado na obra dos simbolistas franceses e na de Rubén Darío, que acentuaron a súa inclinación cara a melancolía, en 1900 publicou os seus primeiros textos, cos títulos de Ninfeas e Almas de violeta. A súa obra poética, ademais de numerosa e independente, allea a calquera xeración e moda, está marcada por un afán constante de superación, case sempre retocando os seus poemas en sucesivas seleccións. Con Baladas de primavera (1910), La soledad sonora (1911) e Diario de un poeta recién casado (1917) inaugurou un novo estilo máis depurado, na procura da beleza absoluta, da poesía e do espírito que tenta fundir co seu lirismo esencial interior, mesturando elementos metafísicos e abstractos. Destacan tamén Arias tristes (1903), Eternidades (1918), Piedra y cielo (1919), Canción (1936), La estación total (1946) e Animal de fondo (1949). En todas elas, a identificación do poeta coa beleza, coa plenitude do real e co mundo é absoluta; o seu obxectivo como poeta quedaba fixado na comuñón co universo. En prosa destacou con Platero y yo (primeira edición en 1914), no que enlaza fantasía e realismo baixo o tema do paso do tempo. Foi o libro español, xunto co Quixote, traducido a máis linguas do mundo. Tamén escribiu Romances de Coral Gables (1948) e Animal de fondo (1949), ambos os dous escritos en América, e Guerra en España (1935-1954), publicada en 1985. Interesado na obra poética de diversos autores galegos, traduciu algúns poemas de Curros Enríquez e Rosalía de Castro. Recibiu o Premio Nobel de Literatura en 1956.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Moguer, Huelva -
Deceso
Lugar : Santurce, Puerto Rico