jívaro*

jívaro*
  1. adx

    Relativo ou pertencente aos jívaros, á súa lingua ou á súa cultura.

  2. s [ETN]

    Individuo pertencente ao pobo jívaro.

  3. s m pl [ETN]

    Pobo indíxena de América do Sur, de lingua independente, que habita nas vertentes orientais dos Andes, entre os ríos Pastaza e Amazonas, nun amplo territorio que corresponde, en parte, a Perú e, en parte, a Ecuador. As primeiras referencias históricas deste pobo refírense aos intentos dos incas de estender o seu dominio sobre a rexión. A mediados do s XVI producíronse os primeiros contactos cos conquistadores españois, pero a escravización das comunidades indíxenas para a explotación dos depósitos de ouro da rexión provocou a gran rebelión jívara de 1599. Os españois perderon o control da rexión durante anos e despois de sucesivos fracasos dos xesuítas no seu labor misioneiro non se produciron novos contactos ata mediados do s XIX. Tralo comezo da explotación do caucho, a finais do s XIX, os jívaros entraron en contacto cos bens manufacturados e as armas de fogo. Divídense en catro tribos e diversas subtribos que establecen alianzas. A súa economía alterna a agricultura e a gandería e constrúen grandes casas comunais, denominadas jivarías, nas que habitan xuntas varias familias. Os diversos grupos manteñen unha forte rivalidade que provoca loitas feroces. Dos seus costumes destaca a práctica de empequenecer as cabezas dos seus inimigos mortos.

  4. s m [LING]

    Lingua da póla ecuatorial do phylum amerindio que falan os jívaros.

Palabras veciñas

jipijapa* | Jireš, Jaromil | Jiujiang | jívaro* | Jixi | Ji’an | Joachim de Fiore