Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas
Institución fundada en Madrid polo Real Decreto de 11 de xaneiro de 1907 cando era ministro de Instrución Pública Amalio Gimeno. O artigo 1 de fundación determinaba como competencias o servizo de ampliación de estudios dentro e fóra de España, as delegacións a congresos científicos, o servizo de información estranxeira e relacións internacionais en materia de ensino, o fomento dos traballos de investigación científica e a protección das institucións educativas no ensino secundario e superior. O primeiro regulamento foi publicado o 16 de xuño de 1907. A JAE naceu dentro do espírito gineriano de “europeizar” España e a súa composición orixinal reflicte a influencia da ILE (Santiago Ramón y Cajal, Gumersindo de Azcárate, Xosé Casares Gil, Ramón Menéndez Pidal e Eduardo Vicenti, entre outros). Entre 1906 e 1936 levou a cabo un fecundo labor de extensión cultural ao enviar como bolseiros ao estranxeiro a centos de mestres e inspectores. Aspirábase á formación do persoal docente e a dar medios e facilidades para seguir de cerca o movemento científico e pedagóxico dos países europeos, así como a formar e nutrir centros de investigación e de traballo intenso. Ata 1936 concedéronse 1.700 bolsas de estudio. En Galicia foron preto de 50 os bolseiros que acudiron a distintos países europeos (e mesmo a América). Entre eles cómpre citar a X. Vicente Viqueira, Afonso R. Castelao, Vicente Risco, Luís Iglesias, Manuel Díaz Rozas, Luciano Seoane, Eloi Luis André, Emilio Sotelo Rey, Marcelino Pedreira, X. Gutiérrez del Arroyo, María Barbeito, Concepción Sáiz, Rexina Lago e Aurora Maceda. En 1910 publicouse un novo regulamento e creáronse varios centros, que atenderían cada uns dos aspectos das actividades culturais: o Centro de Estudios Históricos, o Instituto Nacional de Ciencias Físico-Naturales, o Laboratorio de Histopatología, Zoología y Biología, o Laboratorio y Seminario de Matemáticas, o Instituto-Escuela de Segunda Enseñanza, a Residencia de Estudiantes e a Residencia de Señoritas, a Comisión de Investigaciones Paleontológicas y Prehistóricas, o Instituto de Arqueología y Arte de Roma e outros. Ademais, creáronse varias cátedras en Bos Aires, Montevideo, Lima, La Habana e Puerto Rico. En Galicia creáronse a Misión Biolóxica de Galicia (1920) e a Comisión de Estudios en Galicia (1928). Un decreto de 19 de maio de 1938 disolveu a JAE e os centros supeditados a ela pasaron a depender do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC, 1939).