ikastola*
Modalidade de escola vasca de nivel preescolar, nacida na década de 1950 como centro clandestino de ensino vinculado á parroquia. Organizada en forma de cooperativa de pais, o seu traballo está determinado pola toma de conciencia do pobo vasco e pola recuperación da súa lingua. Son un lugar de reflexión e de ensaio das novas técnicas pedagóxicas. En 2003 comprende o ensino preescolar, primario e secundario. O movemento de ikastolak organízase en sete federacións correspondentes aos sete territorios vascos, que conforman a Confederación de Ikastolak. As ikastolas convertéronse nunha alternativa educativa cun forte arraigamento popular que se manifesta no incremento progresivo de alumnos matriculados. O movemento considera as súas escolas como escolas públicas, tanto polo modelo de estrutura e xestión democrática que segue como polo compromiso de euscaldunización do país, o que afecta non só ao uso do éuscaro como primeira lingua de instrución e formación, senón tamén aos contidos da aprendizaxe.