impulso

impulso

(< lat impulsu)

  1. s m
    1. Acción de impulsar.

      Sinónimos: impulsión, pulo.
    2. [FÍS]

      Dada unha forza F(t) que actúa sobre unha partícula de masa m durante un intervalo T, magnitude definida pola fórmula I = ∫TOF(t)dt. A partir da segunda lei de Newton obtense que o impulso é igual ao incremento do momento lineal, resultado denominado teorema do impulso. Na dinámica das rotacións denomínase impulso angular a magnitude I = ∫TOM(t)dt, onde M(t) é o momento resultante das forzas.

  2. s m
    1. Forza ou enerxía que pon en movemento ou que fai desenvolverse algo.

      Ex: Aqueles consellos foron un bo impulso para que se decidise a actuar.

      Sinónimos: estímulo, pulo.
    2. Forza interior involuntaria que move a facer algo de xeito repentino e espontáneo.

      Ex: Nun dos seus impulsos deulle unha labazada.

      Sinónimos: pulo. Confrontacións: arroutada, arrouto.
  3. s m [FÍS]

    Sinal eléctrico de duración moi breve e de forma normalmente rectangular, de maneira que presenta un aumento, seguido dunha diminución brusca do seu valor. A miúdo repítese a unha frecuencia determinada.

  4. s m [AERON]

    Forza producida polos propulsores dunha aeronave ou dun foguete que é a que causa o seu movemento. O empuxe mídese en newtons. Nos motores convencionais a hélice converte en empuxe a potencia do motor. Pola contra, nos reactores o empuxe prodúcese como consecuencia da variación na cantidade de movemento da masa fluída que atravesa o motor.

  5. [FÍS]
    1. s m

      Forza que ten un sentido oposto ao peso, a que están sometidos os corpos mergullados ou os que flotan nun fluído. Segundo o principio de Arquímedes, é igual ao peso do fluído desaloxado polo corpo.

    2. centro de impulso

      Punto en que se aplica a resultante das forzas de pulo que actúan sobre un corpo.

    3. impulso aerodinámico/dinámico

      Forza que é a responsable da sustentación dos avións no voo e que intervén, en parte, na dos submarinos e aeróstatos.

    4. impulso lateral

      Forza que obriga a un brazo a presionar máis sobre o lado interior do suco, debido ao rozamento agulla-disco.

  6. impulso de Dirac [MAT/TECNOL/FÍS]

    delta de Dirac.

  7. impulso específico [ASTRON]

    Impulso mecánico por unidade de peso producido por un explosivo propulsor. O impulso específico indica a calidade do propulsor desde un punto de vista enerxético.

Palabras veciñas

impulsional | impulsividade | impulsivo -va | impulso | impulsor -ra | impune | impunidade