Liberata, santa
Virxe e mártir de orixe galega, filla de Lucio Castelio Severo, gobernador romano de Gallaecia, Lusitania e Calsia. Conta a lenda que para fuxir do pretendente que o pai lle asignara pregoulle a Deus que lle fixera medrar a barba, motivo polo que o pai a crucificou. A tradición galega converteuna nunha das oito irmás xemelgas de santa Eufemia e invócase como protectora dos partos. Na iconografía represéntase cravada nunha cruz, moza e fermosa, con barba ou sen ela, e aos seus pés pode haber un trobador. A súa festividade celébrase o 20 de xullo por ser a data en que se trasladaron as súas reliquias desde Sigüenza a Baiona (1515), vila da que é patroa. Na capela de santa Liberata atópase a súa imaxe nun nicho flanqueado polo escudo do antigo Reino de Galicia e o de Baiona. Na tradición oral recóllense ditos como: “Hei de ir ao señor san Cosme, / hei de ir e vir por Baiona, / ver á santa Liberata / na súa capilla nova”, “Os canteiros vanse, vanse, / para santa Liberata; / levan os petos ben cheos / de monediñas de prata”.