Lacio

Lacio
Nome científico: [ital: Lazio]

Rexión de Italia central, situada no contorno de Roma, que comprende as provincias de Frosinone, Latina, Rieti, Roma e Viterbo (17.207 km2; 4.976.184 h [2001]). A súa capital é Roma. Esténdese entre Toscana e Umbria ao N, Campania ao S, os Apeninos ao L, e o Mar Tirreno ao O. A parte occidental é unha chaira costeira, centrada na Campagna Romana, mentres que a parte oriental é montañosa, cos montes Reatini (Terminilo, 2.213 m altitude) e Simbruini, con relevos calcarios atravesados polo val do Velio. No NO e SL de Roma alíñanse grupos de antigos volcáns (Volsini, Cimino, Sabatini, Albani e Nemi) con algúns lagos. A agricultura desenvólvese nas chairas (Maregma, Campagna Romana e Agro Pontino), con cultivos de trigo, millo, legumes e froita e explotación gandeira nas terras baixas e oliveiras e viñedos nas vertentes (Frascati e Albani). A industria concéntrase en Roma, centro terciario, administrativo e político e primeira área turística de Italia, á que se unen algúns núcleos do litoral, como Ostia e Civitavecchia. Na Antigüidade, Lacio comprendía o territorio habitado polos latinos, e na época de Augusto formaba, xunto coa Campania, a principal rexión de Italia. A partir do s VI a Igrexa adquiriu algún patrimonio, pero o poder efectivo foi exercido por Bizancio ata o s VIII. Nos séculos seguintes o papado loitou pola soberanía do territorio, que non obtivo ata que, en tempos de Pío II e Paulo II, foron sometidas as familias dos Savelli e dos Anguillara. Desde entón a rexión seguiu as vicisitudes da historia do papado e, na época moderna, do estado italiano.