Lago Rivera, Antonio

Lago Rivera, Antonio

Pintor. Formouse na Escola de Artes e Oficios da Coruña e na Escuela Superior de Bellas Artes de San Fernando de Madrid (1939-1943). Ampliou a súa formación con sendas bolsas para estudar en El Paular (Segovia, 1943) e na École des Beaux-Arts de París (1945). Durante a década de 1940 realizou unha pintura próxima á escola de París e cultivou a paisaxe, o retrato e a figuración, co emprego dunha variada gama cromática de amarelos, azuis, verdes e grises. Comezou a participar en mostras colectivas, entre outras, na Bienal de Venecia de 1947, no Salón dos Once de 1949 e nas exposicións da galería Buchloz (1947-1954). En 1950 realizou uns murais para a Feria del Campo de Madrid, onde comezou a aparecer a abstracción, que desenvolveu na década de 1950. En 1951 instalouse definitivamente en París. As primeiras abstraccións caracterizáronse pola xeometrización e o cromatismo e polo paulatino aumento da presenza da liña e da planimetría. A mediados desa década mostrou un maior monocromatismo, con manchas amplas e cunha pincelada de empastes grosos coa que se achegou ao informalismo. Na década de 1960, partindo da abstracción, retomou á figuración. En 1963 foi bolseiro da Fundación March e por estes anos alternou París coas estancias en Altea (Alacant). Comezou entón a pintar escenas teatrais, operísticas e de concertos. Desde a década de 1980 realizou mariñas, paisaxes, naturezas mortas e nus femininos caracterizadados polos efectos lumínicos e atmosféricos e cun cromatismo máis cálido e figuras máis escultóricas. Cara a 1970 inciou unha nova etapa na súa obra marcada pola temática satírica e crítica e pola ampliación da paleta cromática.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : A Coruña

  • Deceso

    Lugar : París