lamelibranquio -quia

lamelibranquio -quia

(< lat lamella + branquia)

  1. adx

    Relativo ou pertencente aos lamelibranquios.

  2. s m [ANIMAL]

    Molusco da subclase dos lamelibranquios.

  3. s m pl [ANIMAL]

    Subclase de moluscos, da clase dos bivalvos, que presenta a cuncha constituída por dúas valvas, sen cabeza, con pé en forma de machada e branquias de aspecto laminar. O corpo, de simetría bilateral e comprimido lateralmente, está recuberto por un manto que presenta dous lóbulos laterais, que, aplicados á parede interna das valvas, delimitan a cavidade palial. Estes lóbulos, soldados polos bordos, deixan tres buracos: por un sae o pé, e polos outros dous entra e sae a auga na cavidade palial. Estes dous últimos buracos poden prolongarse en dous tubos de lonxitude variable, os sifóns. A auga, ao entrar na cavidade palial, facilita o osíxeno e os alimentos ao animal e, ao saír, expulsa o dióxido de carbono, os excrementos e as partículas residuais respiratorias. A cuncha, coa cara interna de nácara, presenta dúas valvas que se articulan dorsalmente mediante unha charneira e un ligamento elástico. O pé, en forma de machada, falta nos moluscos sedentarios, pero está moi desenvolvido nos escavadores e nos marchadores. Nalgúns lamelibranquios que viven unidos a un substrato, o pé vai provisto da glándula do biso, que produce uns filamentos que fixan o animal ao substrato. Habitan nas augas mariñas ou doces de todo o mundo, colgados no fondo de area ou fango, unidos a substratos diversos ou incrustrados en rochas ou táboas.