Lancelote do Lago

Lancelote do Lago
[LIT/MIT]

Cabaleiro da Táboa Redonda, da mítica corte do Rei Artur de Britania, nas narracións da materia de Bretaña. Discútese a orixe deste personaxe lendario, que, segundo algúns críticos, ten antecedentes nas antigas literaturas célticas. Non obstante , documéntase por vez primeira no poema narrativo alemán Lanzelet (1194-1204?), do suízo Ulrich von Zatzikhoven, quen afirmou que se baseou nun libro francés, actualmente perdido. Este libro descoñecido, quizais fonte orixinal do personaxe, influíu no Lancelot ou Le chevalier de la charrette (1177-1181), novela en verso de Chrétien de Troyes que narra a aventura de Lancelote, amante de Xenebra, muller do Rei Artur. Nesta obra reúne as máis prezadas virtudes cabaleirescas (coraxe, honor e submisión amorosa) e grazas á última converteuse nun dos prototipos medievais do amor cortés e no mellor dos cabaleiros. Conta a lenda que foi amante fiel da Raíña Xenebra, esposa de Artur, aínda que unha noite, víctima dun encantamento, xaceu con Helaine, filla do custodio do Graal, o Rei Pelles. Desa unión naceu Galahad, protagonista da Demanda do Santo Graal portuguesa (ciclo da Post-Vulgata, 1230-1240), e Cabaleiro Escollido -devoto e virxe- predestinado a atopar o Santo Graal e dar fin ás aventuras do Reino de Logres. Os continuadores e imitadores de Chrétien enlazaron diversas narracións bretonas e vinculáronas a tradicións cristiás, máis ou menos literarias, e outorgáronlle aos tipos e temas un certo sentido providencialista e moral. Lancelote, paradigma de gran cabaleiro profano, se dunha banda debía purgar o seu pecado de adulterio, doutra facíase pai de Galahad, o heroe perfecto desde o punto de vista cristián e cabaleiresco. Foi a figura do gran corpus en prosa francesa denominado Lancelot-Graal ou Vulgata artúrica (1215-1230), que acadou unha difusión extraordinaria e foi obxecto de versións e traducións por toda Europa. Co paso do tempo e a desaparición dos valores corteses, a súa figura adquiriu uns matices máis sombríos, nos que ocupou un lugar importante o remordemento que sente pola traizón e infidelidade contra o seu rei e amigo. A imposibilidade de evitar a paixón por Xenebra dálle ao Lancelote tardío uns tintes dramáticos, que xa se anunciaban na Mort Artu. Hai unha tradición que vincula a este personaxe mítico coa vila de Cedeira, pois, segundo as lendas, a estas terras chegou Lancelote fuxindo da Bretaña na compaña dun enorme can que atemorizaba os cedeirenses. Mesmo se di que os primeiros animais estranxeiros que houbo en Cedeira foron tradidos por el.

Palabras veciñas

Lanceliña | Lancelot, Claude | Lancelote | Lancelote do Lago | lanceolado -da | lanceta | lanceteiro