Lanzada, Nosa Señora da
Ermida situada en Noalla (Sanxenxo). Trátase dun pequeno templo construído no s XII que aproveitou elementos dunha construción anterior. Ten planta de nave única con ábsida semicircular. A nave está dividida en dous tramos. O arco de triunfo é apuntado e descansa en columnas pegadas. O retablo é barroco do s XVIII. A fachada principal caracterízase pola ausencia de decoración, só destaca un rosetón de catro lóbulos e o arco apuntado da porta. O derradeiro fin de semana de agosto celébrase a romaría da Nosa Señora da Lanzada, que antigamente duraba unha semana. A ela acoden os mariños a pedir protección, devotos que para afastar o mal varren cunha vasoira o chan inmediato ao altar, e mulleres con problemas de fertilidade que se dan un baño na praia á luz da lúa.