Lanzarote

Lanzarote

Illa do arquipélago de Canarias, situada na provincia de Las Palmas (806 km2; 96.431 h [2001]). A capital é Arrecife. Separada da illa de Fuerteventura polo estreito de Bocayna, é a máis setentrional e oriental do arquipélago. De orixe volcánica, está formada por materiais basálticos, lavas e cinzas, e ten unha forma alongada. Está constituída por dous macizos, o N e o S, coa máxima altitude ao N (Peña de Chache, 671 m). O clima é moi árido e a agricultura practícase coa técnica do arenado. Produce cebolas, tomates, figos e viña. A gandería, de ovellas, vacas e camelos, é moi pobre. Practícase a pesca, que deu pé ao desenvolvemento da industria conserveira e de salgadura. O turismo ten unha importancia crecente. Descuberta por Lancellotto Malocello, que lle deu o nome, foi conquistada pola expedición de Jean Béthencourt en 1402.