Laponia
Rexión do N de Europa, dividida entre Noruega, Suecia, Finlandia e Rusia, con límites de difícil definición. As montañas, de orixe caledoniana, están moi erosionadas e a costa está seccionada por profundos fiordes. Abundan os lagos morénicos, como o Inari. Os ríos que desembocan no mar de Noruega e no Océano Ártico son de curso breve e rápido, mentres que os do Báltico son máis longos e caudalosos, como o Kemi e o Muonio, ricos en salmóns e troitas. As temperaturas son inferiores aos 0°C durante seis ou sete meses. O inverno é longo e o sol está por debaixo do horizonte. O verán é curto e o sol loce continuamente de maio ata mediados de xullo. As precipitacións son moderadas, pero a neve cobre o solo algúns meses. O N está cuberto de tundra, e o S de bosques de coníferas. Só nos vales cultivables (patacas e forraxe) ou con rabaños de bovinos hai establecementos permanentes, así como nos centros mineiros e comerciais. O principal recurso da rexión son os xacementos de ferro das montañas de Kirunavaara e Luosaavaara, en Suecia. O porto de Narvik, en Noruega, é o centro de exportación. Tamén ten minas de níquel. Os lapóns ocuparon a maior parte de Finlandia nos primeiros séculos da era cristiá. Foron estendéndose progresivamente polas montañas sueco-norueguesas (Jämtland no s XVI, Härjedalen no s XVII, Dalarn no s XVIII). Resistiron á cristianización ata que, desde o s XVII e ata finais do s XIX, foron evanxelizados por misioneiros rusos e escandinavos. A invasión do seu país por colonos suecos e noruegueses obrigounos a retirarse ás áreas que habitan. Durante os últimos anos, manifestouse un movemento reivindicativo lapón que preconiza a reunificación política de Laponia.